Iria Castro visitou o Museo, no que se presentaron as pezas do proxecto 21 S(empre)
Cervo, 21 de novembro de 2024.- A deputada de Cultura Iria Castro participou esta tarde na presentación das creacións realizadas para o proxecto 21 S(empre) do Museo do Mar de San Cibrao, en Cervo, que convocou unha vintena de artistas vinculados á Mariña a expresar a súa visión sobre as consecuencias do alzhéimer e das demencias nas persoas enfermas e no seu entorno.
Caxigueiro, Juanel, Celso Dourado, Mauro Leivas, Martín Lestao, Belén Mogo, Neira Brochs, Chus Lage, Carmen Llonín, Ignacio Castro “Nachok”, Galiensoup, Lu Vila, Julián Bouza, Alicia Puchades, Carmen Porteiro, Pedro Cabarcos, María Martín, David Catá, Hipólito Xeada, Laura Díaz e a redeira Mª Jesús Alonso López fixeron as súas achegas a este proxecto, plasmando as súas propostas creativas en bolsas de tea que recibiron do Museo do Mar, e que interviron con materiais diversos.
Iria Castro agradeceu “a implicación e a xenerosidade de todas e todos os artistas que se sumaron á iniciativa, cedendo o seu talento e o seu tempo para visibilizar o impacto sanitario e social do alzhéimer e das demencias desde este museo, que conta cunha larga traxectoria de colaboración co tecido asociativo e asistencial vinculado ás demencias”
A deputada destacou que a iniciativa reflicte “a vontade dos museos provinciais de presentarse como espazos de memoria, que acollen e valorizan vivencias e problemáticas da comunidade en que están e á que pertencen, especialmente no caso do Museo do Mar que se foi configurando con pezas e aportacións da veciñanza, de persoas particulares, que desenvolveron a súa vida no mar”
Ademais da colaboración artística, 21 S(empre) contou coa aportación do alumnado do IES Alfoz Valadouro, que realizaron a instalación “Medias memoria”
O proxecto, que se puxo en marcha o pasado 21 de setembro coincidindo co Día Mundial do alzhéimer, dá continuidade a colaboración e compromiso que a Rede Museística Provincial mantén co tecido asociativo e asistencial desde a súa creación, articulado a través do programa “Conserva de Memori(AS)”.
Nese marco xurdiu a mostra “Memorias en lata” que garda “en conserva” os recordos dos usuarixs das asociacións de familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias da Mariña, AFAN Burela e AFA Viveiro, e que pode verse no Museo do Mar de San Cibrao.