Site icon Crónica3.com A Mariña

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, úrxelle á Xunta unha solución para a situación da estación de autobuses e do transporte escolar no municipio

A rexedora vilalbesa solicitou unha nova reunión coa directora xeral de mobilidade para que “acheguen, dunha vez por todas, unha solución acorde ás necesidades do noso municipio”

Vilalba, 23 de novembro de 2024. A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, solicitou no día de onte unha nova reunión coa directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, co obxectivo de que dende a Xunta de Galicia desbloqueen a situación da estación de autobuses e “acheguen, dunha vez por todas, unha solución acorde ás necesidades do noso municipio”.

Tras case doce meses de agarda a alcaldesa de Vilalba e a directora xeral de Mobilidade reuníronse na estación de autobuses da capital chairega a comezos do mes de outubro. Foi entón cando Judit Fontela se comprometeu a estudar as dúas posibles solucións para a estación de autobuses de Vilalba.

A alcaldesa de Vilalba propúxolle durante o encontro manter as dársenas actuais, de forma que todas as empresas de autobuses acudan a elas para deixar e recoller pasaxeiros, instalar nesa mesma zona unha infraestrutura que permita aos viaxeiros resgardarse mentres agardan e habilitar un acceso aos baños.

Ademais, para a rexedora vilalbesa, Marta Rouco, “é fundamental que se instale algún panel informativo coas rutas e os horarios e acondicionar a contorna”. Pola súa banda, dende a dirección xeral de Mobilidade propoñían instalar unha dársena nas inmediacións da estación, o que suporía o peche definitivo do recinto.

Un mes e medio despois da visita da directora xeral de mobilidade a alcaldesa de Vilalba asegura que “non obtiven ningún tipo de proposta nin solución ao respecto, así como tampouco recibimos resposta á problemática do transporte escolar e integrado no noso municipio”.

Nesa liña, Rouco tamén lle trasladou no último mes unha nova problemática do transporte escolar á dirección xeral de mobilidade. En concreto, “fíxenlles chegar a situación dunha familia dun neno de 3 anos que se ven obrigados a esperar o autobús na beiravía da estrada”, asegura a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, quen aproveitou para enviar, de novo, a carta das familias afectadas polas incidencias no transporte escolar e no transporte integrado de múltiples parroquias do municipio.

En vista do bloqueo da situación Marta Rouco solicitou no día de onte “unha cita coa directora xeral de mobilidade, Judit Fontela, á maior brevidade posible, para abordar cuestións que son fundamentais para o noso Concello e os nosos veciños e veciñas”.

Exit mobile version