Ribadeo, 1 de novembro, 2024. Este xoves 31 de outubro, ás portas da celebración de Defuntos, no recibidor do Cemiterio Municipal de Ribadeo inaugurouse unha placa conmemorativa “na memoria de todas as persoas que aquí xacen. Grazas a elas, Galiza segue a ter cultura e lingua de seu”. Este acto enmárcase no conxunto de actividades levadas a cabo a poñer en valor o uso do galego nos rituais funerarios.
Desde a Agrupación Cultural Francisco Lanza levabamos un tempo intentando desenvolver a exposición “Un percorrido polos cemiterios de Ribadeo a través do galego”. Requiriu o esforzo de visitar todos os camposantos ribadenses para ver quen empregou o galego para se despedir dos seus seres queridos e para lembralos nas súas lápidas; requiriu tamén o tacto de nos achegar ás familias correspondentes para lles explicar a idea da exposición, e o desexo de lle transmitir á cidadanía o porqué da súa aposta polo uso do galego nestes momentos tan singulares. Requiriu o esforzo de nos volver trasladar aos cemiterios para fotografar aquelas lápidas máis significativas e que puideran formar parte da exposición inaugurada o pasado sábado 19 de outubro.
Neste sentido queremos destacar o excelente labor feito polas nosas compañeiras da ACFL, Dores Fernández Abel (traballo de campo e textos para a exposición), Belén Pérez Teijo (fotografía) e Maví López Louro (composición e maquetación do material da exposición).
E hoxe cristalizou este acto, prolongado ao longo da segunda quincena de outubro, na inauguración da placa que o Concello de Ribadeo puxo no Cemiterio Municipal de Ribadeo. Agardamos que poidamos seguir con esta colaboración en anos vindeiros para estender esta lembranza en forma de placa conmemorativa nos distintos cemiterios de Ribadeo (por suposto, coa previa consulta e proposta ás veciñas e veciños de cada unha das parroquias de Ribadeo).