Site icon Crónica3.com A Mariña

Xornada de recollida de voces no marco do Proxecto Nós, este xoves en Ribadeo

Ribadeo, 15 de outubro de 2024. Ribadeo axuda a que a lingua galega permaneza nas ferramentas da intelixencia artificial. Este xoves, 17 de outubro, terá lugar unha xornada de recollida de voces no marco do Proxecto Nós.

A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, indicou que “o Proxecto Nós (www.nos.gal) está impulsado pola USC e a Xunta de Galicia (a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e de AMTEGA) e está financiado con fondos Next Generation-UE”.

A edil ribadense explicou que “grazas a ese traballo lograremos que todo tipo de máquinas e dispositivos electrónicos poidan entender e  falar a lingua galega e que, polo tanto, calquera galego ou galega, poida empregar con total normalidade a súa lingua en calquera ámbito tecnolóxico. Por exemplo cando lle damos unha orde ao GPS do noso coche, cando falamos cun asistente de voz como Siri ou Alexa, cando se xeran subtítulos de contidos audiovisuais de forma automática, cando lle quere ditar un texto ao seu procesador de texto, cando pedimos unha cita no médico ou queremos facer unha xestión no banco, por poñer só algúns exemplos”.

Sanjurjo indicou que “para isto temos que conseguir unha grande cantidade de texto e audio de calidade en lingua galega que permita un axeitado adestramento dos algoritmos do sistema. Para iso gravarase a voz de homes e mulleres de todas as idades este xoves na aula informática da Casa da Xuventude, cantas máis participemos mellor”.

A concelleira de Cultura explicou que “as gravacións levaranse a cabo das 10:00 ás 14:00 e das 16:00 ás 20:00 horas. É importante que acudamos para que o xeito de falar dos ribadenses con todas as súas variantes quede rexistrada. Cada persoa que participe será agasallada cun libro e unha libreta e se se achegan varias persoas dun mesmo colectivo aparecerá ese colectivo nos créditos do proxecto”.

Begoña Sanjurjo anima “a toda a veciñanza a participar doando a súa voz. Para concretar unha hora para a participación e non ter que esperar podedes chamar á Casa de cultura ó 982 131 565 Moitas grazas por todo”.

Exit mobile version