Site icon Crónica3.com A Mariña

Vólvense a anegar as vivendas en Santa María Maior xa que, afirma o PP, “PSOE e BNG se negaron a realizar o arranxo das tubaxes de drenaxe da LU-P-3103”

Antonio Ameijide esixe a Tomé medidas urxentes para canalizar a auga de escorrentía de xeito adecuado, con canalizacións de drenaxe lonxitudinal e transversal con capacidade suficiente, limpar as cunetas e reparar os danos no firme desta estrada provincial

Mondoñedo, 9 de outubro de 2024. Os deputados do Grupo Provincial Popular lamentan a situación que viviron hoxe os veciños do Fondo da Vila, na parroquia mindoniense de Santa María Maior que viron como a auga volveu a danar as súas propiedades xa que aínda non se repararon as drenaxes da estrada provincial LU-P-3103 o que provoca que a auga non se canalice correctamente e percorra a estrada “entrando en casas e propiedades”.

Antonio Ameijide esixe “solucións inmediatas” ao goberno de José Tomé tras máis dun ano “sen facer nada” por corrixir esta situación. “Levamos máis dun ano facendo seguimento desta estrada e aínda non se actuou pese ás nosas peticións, as do Concello de Mondoñedo e as dos propios veciños afectados”, explicou.

O temporal de hoxe “foi duro” pero “se realizasen as reparacións oportunas cando tiveron ocasión, seguramente os veciños non terían que estar lamentando danos nas súas propiedades”.

Antonio Ameijide explica que “as canalizacións para o drenaxe transversal e lonxitudinal rebentaron hai meses pola presión da auga en momentos de intensas precipitacións debido, moi probablemente ao mal deseño, obstrución e falta de mantemento, xerando danos no asfalto e nas vivendas e un risco innecesario”.

“O goberno de José Tomé ten que tomar medidas de forma urxente para garantir a seguridade de persoas, inmobles e vehículos acometendo as obras necesarias, previa realización dos estudos técnicos, para canalizar a auga de escorrentía nesta vía provincial mediante canalizacións de drenaxe lonxitudinal e transversal. Así mesmo, cren necesario levar a cabo un mantemento axeitado das cunetas e reparar os danos causados ao firme da estrada provincial”, explicou.

Exit mobile version