Site icon Crónica3.com A Mariña

Viveiro conta xa cun novo tractor con brazo desbrozador

Viveiro, 17 de outubro de 2024. A Área de Medio Rural do Concello de Viveiro conta xa cun novo tractor con brazo desbrozador, adquirido grazas a unha achega de 120.000 euros da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, destacou a importancia de que “o persoal municipal conte cos medios necesarios para atender de forma áxil e eficaz o mantemento das vías e espazos municipais, que son fundamentais para a calidade de vida da veciñanza e para a actividade produtiva, especialmente no medio rural”, e valorou “o traballo que se vén desenvolvendo desde a tenencia de alcaldía neste eido, dando prioridade a este tipo de investimentos na colaboración entre as dúas institucións”.

“Era unha necesidade contar cun novo tractor para o parque móbil municipal, que contaba ata agora cun único tractor de máis de vinte anos de antigüidade, que acumula avarías e que resulta insuficiente para o desbroce das case 2.000 vías de titularidade municipal que atende a área de Medio Rural do Concello de Viveiro”, explica a tenente de alcaldesa, Míriam Bermúdez.

O concelleiro de Medio Rural, Ramón Martínez, engade que o novo tractor “nos permitirá axilizar os traballos de mantemento nas vías municipais, especialmente nas zonas rurais, onde a limpeza é fundamental para facilitar o tránsito dos vehículos e realizar tarefas de prevención de incendios”.

Ademais, sinala que “se está traballando xa nun novo prego para o contrato de desbroces, que complementará o traballo feito pola brigada de parques e xardíns”.

Exit mobile version