Site icon Crónica3.com A Mariña

Viveiro acolle esta fin de semana representación do Circuíto de Teatro Profesional da Vicepresidencia da Deputación

Lugo, 1 de outubro de 2024. Viveiro acolle esta fin de semana representación do Circuíto de Teatro Profesional impulsado pola área de Cultura que botou a andar o pasado mes de xuño e que este ano inclúe 59 representacións de 14 compañías por toda a provincia.

5 de outubro. 20.30 horas. Teatro Pastor Díaz.
Ítaca Teatro. Cinco minutos sen respirar

Drama contemporáneo. Maiores de 13 anos.

A obra analiza problemas actuais como os abusos bancarios, a explotación laboral, o suicidio, a incomunicación, a violencia… Todo cunha linguaxe que se move entre o metafórico e o literal. Trátase dunha peza que pon de manifesto a necesidade humana de imaxinar ficcións para fuxir da realidade, retando aos anhelos, medos e escuridade que pode albergar unha persoa a través de dúas personaxes: Margarita, unha (ex)empregada da banca, e Víctor, supervisor nun supermercado.
Autoría: Gustavo Ott.
Dirección: Carlos Neira
Elenco: Elea López e Carlos Rebolo.
Duración: 70 minutos

Circuíto de Teatro Profesional: 59 representacións de 14 compañías

Trécola Producións, Xamón Producións, Ítaca Teatro, Ubú Teatro, Pinconús, Teatro do Miolo, Señor López Producións, Satori Teatro, Baixo da Area Teatro, Lîlâ Teatro, Bátega Teatro, Mocromina Títeres, A Compañía Solitaria do Dr. Monifate e Loia Producións xirarán por toda a provincia co Ciclo de Teatro Profesional da Vicepresidencia da Deputación de Lugo con propostas escénicas están destinadas a distintos públicos, desde teatro de títeres para público novo ata montaxe con gran peso do baile tradicional e da música en directo na escena ata adaptacións teatrais de textos literarios como Poeta en Nova York.

A deputada de Cultura Iria Castro sinalou que con este ciclo “a área provincial mantén o apoio á rede de compañías profesionais da provincia, poñendo en marcha unha programación concreta que lles permite rendibilizar o seu traballo creativo, e contribuíndo, no medio prazo, a consolidar un público para o teatro e as artes escénicas en todas as comarcas”.

Neste sentido, remarcou “a importancia de facilitar o acceso a propostas culturais de calidade en todo o territorio, de man de concellos e asociacións que precisan este tipo de colaboracións e iniciativas para ampliar as súas programacións culturais”.

O calendario, confeccionado coa colaboración de concellos e asociacións, inclúe representacións en A Fonsagrada, A Pastoriza, A Pontenova, Alfoz, Antas de Ulla, As Nogais, Baleira, Barreiros, Begonte, Bóveda, Burela, Carballedo, Castroverde, Cervo, Chantada, Cospeito, Foz, Friol, Guitiriz, Láncara, Lugo, Meira, Mondoñedo, Monforte, Monterroso, Navia de Suarna, O Corgo, O Saviñao, O Valadouro, O Vicedo, Outeiro de Rei, Pantón, Quiroga, Rábade, Ribas de Sil, Samos, Sarria, Taboada, Vilalba, Viveiro, Xermade.

Exit mobile version