Site icon Crónica3.com A Mariña

Villares sitúa en Burela as OPP como aliadas de Galicia no obxectivo de incrementar o valor engadido xerado pola cadea comercial pesqueira

Indicouno na presentación da 5ª campaña “Camiño Gastronómico do Mar”

Burela, 11 de outubro de 2024. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destaca o labor das Organizacións de Produtores Pesqueiros como as aliadas de Galicia no obxectivo común de incrementar o valor engadido no conxunto da cadea comercial pesqueira e de acadar un sector moderno, sostible, competitivo e rendible. Así o puxo en valor durante a presentación da quinta edición da campaña “Camiño Gastronómico do Mar”, que organiza a Asociación Amigos do Camiño do Mar en Peregrinación a Santiago de Compostela, a OPP7 de Lugo, Armadores de Burela e os Concellos polos que discorre o roteiro.

Tal é así que, o caso da Organización lucense, leva máis de 30 anos desenvolvendo plans de produción e comercialización, sendo fundada co fin de contribuír á boa marcha da Política Pesqueira Común e da Organización Común do Mercado marítimo-pesqueiro europeo. Son, por tanto, un elemento vertebrador para o fomento de actividades pesqueiras viables e sostibles, que contribúen a aumentar a rendibilidade económica dos seus membros, ademais de evitar e reducir as capturas non desexadas e a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada. É por este motivo, polo que a Consellería que dirixe Villares leva achegados a esta entidade dende 2009 máis de 2,5 millóns de euros á entidade pesqueira burelesa.

Exaltación das principais especies

A iniciativa presentada hoxe enmárcase dentro das accións de promoción da OPP-7 incluídas no seu Plan de Produción e Comercialización anual. Está composta por 7 etapas, de entre 15 e 20 quilómetros, que se desenvolverán entre o 13 de outubro e o 24 de novembro. Os participantes visitarán 15 municipios do norte de Lugo e A Coruña, dende Ribadeo (cruce co Camiño Norte) a Neda (entronque Camiño Inglés).

O roteiro ten por obxectivo reivindicar este trazado e promocionar as especies capturadas pola flota de altura en Burela, mediante a posta a disposición dos locais participantes dunha selección das principais especies pesqueiras que representa ás diferentes frotas, e que neste caso son, principalmente, a pescada do pincho, o peixe espada, o rape e o chicharro. Supón, en palabras do titular de Mar, unha excelente oportunidade para dar continuidade ao compromiso do Goberno galego de promocionar e concienciar á cidadanía da importancia de introducir a dieta atlántica na súa alimentación.

Tipoloxía da frota

A frota da OPP7 do porto de Burela está formada por 42 embarcacións de 4 modalidades, que faenan en 2 caladoiros internacionais (palangre de superficie en augas do Atlántico Norte e Sur, palangre de fondo en caladoiros da Unión Europea) e outros 2 nacionais (arrastre de fondo e cerco artesanal no caladoiro Cantábrico-Noroeste). O seu volume de facturación é de 43 millóns de euros, obtidos da venda de máis de 18.000 toneladas das diferentes especies.

Exit mobile version