A federación, fundada no 2024 polas tres federacións provincias, conta con preto de 13.000 afiliados entre empresas e traballadores e representa a unha frota de máis de 5.400 embarcacións
O titular de Mar situou á federación como o máximo representante dos profesionais do mar en Galicia e enxalzou o papel do sector no ámbito económico como un dos motores económicos e de creación de emprego e no ámbito da seguridade alimentaria proporcionando alimentos de calidade e nas mellores condicións. Uns produtos, destacou, cuxo consumo ten un gran impacto en termos de saúde pública debido as súas excepcionais propiedades nutritivas.
Nesta liña, o responsable autonómico recordou que a Xunta xunto co sector, e “a pesar dos atrancos dalgúns”, sacou adiante a Lei do Litoral, unha norma pioneira, que “puxo negro sobre branco” o carácter “estratéxico e prioritario” da actividade pesqueira para o desenvolvemento sostible da costa galega. Un papel, dixo, gañado por méritos propios e que reflicte novamente o compromiso do Goberno autonómico cun sector referente e líder no ámbito europeo e mundial.
A voz do sector
A Federación Galega de Confrarías de Pescadores foi fundada no ano 2004 por iniciativa das tres federacións provinciais co obxectivo de aglutinar a representación do sector nunha soa entidade. Con preto de 13.000 afiliados, entre empresas e traballadores, aglutina abarcando todos os subsectores da pesca, destacando especialmente o marisqueo e a pesca de baixura e artesanal, sumando unha frota de máis de 5.400 embarcacións.