Site icon Crónica3.com A Mariña

Villares cualifica a Confraría de Pescadores de Burela como altofalante do valor das xentes do mar e o motor social e económico da vila

Burela, 26 de outubro de 2024. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou este sábado na inauguración do gran mural que decora as fachadas exteriores da Confraría de Pescadores de Burela, e onde destacou o seu labor ao longo dos seu 101 anos de existencia, en tanto esta entidade está considerada como o altofalante do valor das xentes do mar e o motor social e económico da vila.

Deste xeito, o responsable autonómico sinalou que estes entes foron e son un instrumento necesario para mellorar as condicións laborais e da vida dos pescadores. Son, en definitiva, segundo apuntou Villares, interlocutores imprescindibles entre o sector público e privado, constituíndo un ecosistema asociativo sólido baseado na xestión, na gobernanza e na profesionalización do oficio, ademais de seren centros de documentación auténtica que axudan tamén a comprender a idiosincrasia dos pobos que eles mesmos axudaron a construír. Por iso, e tendo e conta os retos e os cambios que o sector debe afrontar no futuro e que veñen marcados polas esixencia da Unión Europea, son unha peza clave para articular políticas que sexan útiles ás xentes que viven da pesca e de toda a cadea mar-industria.

Durante o encontro tamén se presentou o libro conmemorativo do centenario da entidade e estreouse un documental sobre os cen anos do pósito, que amosa o labor social de dita entidade. Os actos enmárcanse no programa de actividades do colectivo para por en valor o traballo desenvolvido ao longo de tantos anos.

Exit mobile version