Esta iniciativas permiten mellorar, con criterios de ergonomía e seguridade, o desenvolvemento da actividade pesqueira dun xeito máis eficiente, con menor impacto e socialmente máis responsable
Ribeira (A Coruña), 30 de outubro de 2024. A Consellería do Mar, que dirixe Alfonso Villares, incrementará en 2025 as axudas deste departamento do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) en 2025. Concretamente, pasarase dos 8,3 millóns en 2024 aos 9 millóns o vindeiro ano.
Así o anunciou o responsable autonómico, acompañado da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, e do patrón da Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño, José Antonio Santamaría, na visita realizada ao peirao ribeirense, onde supervisou o novo equipamento da congregración, co-financiado ao abeiro da convocatoria de axudas deste ano, e que está destinada á modernización e mellora das infraestruturas dos peiraos, dos lugares de desembarque, das lonxas e dos ancoradoiros.
Trátase dun novo vehículo telescópico que facilita o traballo que realizan o profesionais da pesca e do marisqueo. Permite coller o aparello que sae do barco cando vén do mar e transportalo á lonxa, así como a mobilidade dos produtos pesqueiros e as grandes redes de frota do cerco. Deste xeito, a través desta iniciativa, solicitada pola propia confraría de pescadores, o porto e a lonxa ven mellorada, con criterios de ergonomía e seguridade, a realización de actividades precisas para as operacións de pesca e para a primeira venda de produtos pesqueiros, así como o desenvolvemento dunha actividade máis eficiente, con menor impacto e socialmente máis responsable.
Esta adquisición enmárcase dentro do esforzo inversor que realiza o Goberno galego con esta confraría, e que permitiu tamén a instalación dunha bomba de calor que mellorará a eficiencia enerxética do porto. En total, un investimento que supera os 400.000 euros, cofinanciados con fondo europeos.
Outros apoios
A Consellería do Mar, ao abeiro da orde de axudas para equipamentos portuarios, tamén concedeu unha achega á Confraría de Pescadores de Ribeira por valor de 100.000 euros. Deste xeito, o Goberno galego investiu máis de 500.000 euros en proxectos impulsados polo sector pesqueiro da localidade coruñesa e que amosan o compromiso da Xunta na potenciación e desenvolvemento desta actividade estratéxica na economía do municipio.
Porto referente
Un total de 102 embarcacións pesqueiras teñen como porto base Aguiño. Destas, 99 son de artes menores e 3 da frota de cerco. A confraría encárgase da primeira venta e distribución dos produtos extraídos polo seu asociados (240 aproximadamente) mediante poxa en lonxa. As manufacturas comercializadas son garantía de pesca artesanal, sostible, de orixe galego e coa máxima calidade e frescura. Esta instalación é un referente na produción de percebe. Nela veñen traballando uns 200 profesionais adicados á extracción deste marisco.