Site icon Crónica3.com A Mariña

Vilalba inaugura xunto aos mozos e mozas da vila as novas infraestruturas do parque da rúa da Emigración

A pesar das condicións meteorolóxicas a nova corda tirolesa foi un éxito, así como a merenda gratuíta repartida entre os asistentes

Vilalba, 25 de outubro de 2024. O Concello de Vilalba celebrou na tarde de hoxe a inauguración do renovado parque da Rúa da Emigración, no cal se instalou unha nova corda tirolesa de máis de 25 metros de lonxitude que os mozos e mozas xa puideron estrear.

“É un verdadeiro pracer que o evento tivera tan boa acollida a pesar de que o tempo non nos acompañara na tarde de hoxe; unha verdadeira alegría compartir esta xornada con tantos nenos e nenas ilusionados por coñecer as novas instalacións”, asegurou a alcaldesa, Marta Rouco, quen cifrou en máis de 200 o número de merendas gratuítas repartidas.

Nesa liña, os nenos e nenas, ademais de estrear o renovado parque puideron gozar dunha merenda composta por un bocadillo, froita e auga, grazas á colaboración da empresa lucense Vending Lucus.

Ademais da nova corda tirolesa, os nenos e nenas tamén tiveron a oportunidade de comprobar o resultado da renovación dos demais elementos de xogo do parque e as familias puideron coñecer as novas zonas de descanso e a innovadora estrutura aberta e accesible para favorecer a integración do parque na contorna.

Pola súa banda, o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, tamén amosou o seu “agradecemento a todas as familias e demais veciños que se achegaron a comprobar o resultado das obras”, á vez que asegurou que “dende o equipo de goberno estamos traballando en mellorar os espazos públicos da nosa infancia e mocidade, de forma que poidamos ofrecer diversidade e á vez calidade, grazas á futura renovación dos demais parques do casco urbano e á instalación de novos e innovadores espazos de lecer”.

Finalmente, a alcaldesa, Marta Rouco, asegurou estar “especialmente satisfeita con esta actuación porque nos permitiu atender as peticións dos nenos e nenas, dotando ao noso casco urbano dunha zona de lecer que poderá empregar un rango de idade maior de rapaces e rapazas”.

Exit mobile version