Reclama máis xestión ao Goberno central ante as continuas incidencias nos servizos ferroviarios e ante a situación na que se atopan as infraestruturas estatais
Ante os asistentes á Xunta Directiva Provincial do PP de Lugo celebrada esta tarde e na que tamén participaron a vicesecretaria nacional de Organización do PP, Carmen Fúnez, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e a presidenta provincial do partido na provincia, Elena Candia, Rueda especificou que as contas galegas reservan para a provincia de Lugo o maior investimento por habitante (5.840 euros).
No caso da súa capital, contemplan partidas tan importantes como os 12,1 millóns de euros destinados a vivenda, os 6,2 millóns para a Intermodal, os 4 millóns para remodelar a residencia das Gándaras ou os 1,3 millóns para a reforma integral do centro de saúde da Milagrosa, entre outros.
Investimentos que son posibles, engadiu, grazas á estabilidade, o rigor e a xestión que caracterizan ao PPdeG e que fan do partido a opción maioritaria para os galegos e especialmente para os lucenses. De feito, recordou a este respecto que Lugo foi a provincia con maior porcentaxe de voto nas pasadas eleccións autonómicas.
Por outra banda, o líder dos populares galegos reclamou menos desprezos e máis xestión ao Goberno central ante as continuas incidencias nos servizos ferroviarios de Galicia e ante a situación na que se atopan as infraestruturas estatais, especialmente nesta provincia.
Nese sentido, afeoulle ao ministro Óscar Puente que dedique máis tempo a tuitear e a acudir a homenaxes non merecidas mentres non deixan de amontoarse na súa mesa débedas pendentes con Galicia e con Lugo.
O presidente citou cuestións como a chegada da Alta Velocidade, a recuperación total do viaduto do Castro ou a culminación da autovía a Santiago de Compostela, e demandou nesta liña máis responsabilidade e máis rigor por parte do Executivo.
ELENA CANDIA: “O COMPROMISO DO GOBERNO GALEGO CON LUGO DEMÓSTRASE NOS ORZAMENTOS E NO TRABALLO EN EQUIPO”
A presidenta do PP na provincia de Lugo, Elena Candia, subliñou pola súa banda que “o compromiso do Goberno galego con Lugo se demostra nos orzamentos, coa cercanía e proximidade dos seus responsables e co traballo en equipo”.
Incidiu en que “a Xunta ten moi presente á provincia”, á vista de que “Lugo segue sendo a provincia galega con maior investimento per cápita” e que, ademais, se incrementaron nun 11% as partidas dirixidas a garantir e mellorar os servizos e se cuadriplicou a aposta pola ampliación do parque de vivenda pública.
Concretamente, destacou “a aposta pola sanidade pública con investimentos en infraestruturas sanitarias –construción e mellora de centros de saúde, os proxectos de ampliación dos hospitais comarcais da Mariña e Monforte–, implicación na mellora de residencias de maiores e outros servizos públicos de ámbito social, apoio ao Campus Terra e investimentos para a modernización dos centros educativos”.
Tamén medra un 2,6% a partida dirixida a infraestruturas que dan soporte económico a proxectos iniciados, así como a garantir a seguridade nas estradas de competencia autonómica e “avanzar noutros cos que mantén o seu firme compromiso e que están pendentes de acordos e informes por parte doutras administracións”.
A presidenta provincial considerou acertado “incrementar a colaboración cos concellos” que, no caso da provincia de Lugo, chegará ao 11%. Ademais, contarán co apoio da Xunta para actuacións da súa competencia coma o tratamento de residuos ou o abastecemento e saneamento de auga.
Tamén lembrou achegas no ámbito do medio rural –como o plan de mellora de camiños co que a Xunta prevé dirixir á provincia 4,5 millóns de euros– e do mar– melloras en portos da Mariña– para “acometer actuacións en beneficio do sector agrogandeiro, forestal e do mar”.
PUENTE NON MERECE NINGÚN PREMIO
Candia tamén destacou que “os lucenses respaldaron a postura do PP da provincia” en relación á non asistencia a un acto no que se premiou ao ministro de Transportes e Mobilidade Sostible: “Cos seus abucheos a Óscar Puente deixaron claro que coinciden con nós en que non merece ningún premio”.
A popular cre que “para ser merecedor dun premio ten que haber un traballo detrás que o avale”, pero “en materia de infraestruturas viarias e ferroviarias, Lugo está illada, e agardamos que o Goberno do Estado rectifique”. Ademais, lembrou que “o ministro Puente foi reprobado polas distintas administracións: a Deputación de Lugo, o Parlamento de Galicia, o Congreso dos Deputados e o Senado de España”.