Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo recolleu a Bandeira Verde de Galicia, que pon en valor o coidado da paisaxe e do patrimonio natural

Ribadeo, 18 de outubro de 2024. O concelleiro de Medio Ambiente, Diego Dos Santos, recolleu hoxe na Laracha a Bandeira Verde de Galicia, outorgada a Ribadeo. Trátase dun distintivo creado e xestionado polo Instituto de Estudios do Territorio da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta, que pretende poñer en valor a implicación das entidades locais e da veciñanza no coidado da paisaxe e do patrimonio natural distinguindo aos concellos máis dinámicos neste eido.

Neste sentido, valóranse as boas prácticas para o coidado da contorna, o respecto á paisaxe, a redución das emisións de dióxido de carbono, a posta en valor dos monumentos naturais, a educación e sensibilización ambiental, a redución do consumo enerxético e iniciativas de dignificación do territorio.

Os ámbitos de actuación nos que se encadran as accións incluídas nas candidaturas son a ordenación do territorio, a protección do medio ambiente e da paisaxe; o cambio climático e a eficiencia enerxética; a xestión responsable dos residuos; e as accións de sensibilización e comunicación relacionadas cos puntos anteriores.

O edil ribadense contou que “a orde coas bases reguladoras para o outorgamento deste distintivo publicouse a mediados de marzo no Diario Oficial de Galicia e tras formular o Concello de Ribadeo a súa candidatura, nos últimos días foinos comunicada a súa concesión trala súa avaliación por parte dun xurado técnico. Hoxe recollemos esta Bandeira Verde nun acto público celebrado na Laracha”.

Para Diego Dos Santos “este recoñecemento constituirá un mérito para a obtención de subvencións en materia de patrimonio natural e tamén para recibir axudas autonómicas en materia de residuos, o que sen dúbida será moi beneficioso para o noso concello”.

Exit mobile version