Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo instala 21 novos contedores para a recollida do lixo en puntos estratéxicos

Ribadeo, 24 de outubro de 2024. Ribadeo instala 21 novos contedores para a recollida do lixo en puntos estratéxicos. Trátase de recipientes máis eficientes, segundo subliñou o alcalde, Dani Vega.

O rexedor contou que “pouquiño a pouco vamos cambiando os contedores de Ribadeo. Sabemos da problemática que teñen, sabemos que os contedores evidentemente teñen lixo, e polo tanto non é algo estético, pero si que é algo que nos axuda e é algo que debemos ter ben ordenado e ben limpo. Dentro das dificultades que hai, cos problemas que hai diariamente, vamos facendo o que podemos. Eu creo que na limpeza de Ribadeo notouse moito o cambio, queda moito por facer, non hai que conformarse, hai que estar sempre, continuamente, pendente para ter un pobo limpo e ben coidado. Pouquiño a pouco vámolo facendo”.

Vega explicou que “neste caso conseguimos 21 contedores da Mancomunidade, a través dunha subvención da Xunta de Galicia, e vamos colocándoos en puntos estratéxicos. Podemos observar que xa están en Rosalía de Castro, no Parque, na praza de abastos, na rúa San Roque, imos pouco a pouco, con este novo modelo de contedor, que creo que é moito máis eficiente e explico por qué, porque por un lado bota o lixo a persoa, pero cando se descarga, cando se recolle, non se descarga o lixo por ese lado polo que a bota a persoa, senón que é polo outro”.

Para o alcalde ribadense “iso é ser un contedor máis eficiente e non deixa eses restos cando ti tiras o lixo no camión. Trátase dun contedor que fomos os únicos da Mariña que o pedimos, xa o hai en moitas cidades de Galicia, pero deste xeito Ribadeo deu ese salto cualitativo. Por desgraza non todos os que queremos os podemos ter, porque evidentemente hai que ser responsable economicamente e podemos chegar a onde podemos chegar. Pero a min gustaríame que quedara claro unha cosa, facemos todo posible por manter o noso pobo, o pobo que queremos cada día máis limpo”.

O rexedor tivo palabras de agradecemento para os traballadores municipais: “e iso tamén é grazas aos traballadores municipais, aos traballadores que están todos os días intentando limpar Ribadeo. E polo tanto creo que hai que agradecerlles o traballo tamén aos seus coordinadores e tamén aos que recollen o lixo, que non é unha práctica que guste. Hai que valorar e agradecerlles ese traballo”.

Dani Vega engadiu: “pouco a pouco vamos facendo as cousas coa maior vontade, co maior sacrificio e tamén con ganas de mellorar todos os días. Estes contedores novos son 21, que paulatinamente iremos poñendo e incorporando as rúas”.

Exit mobile version