Ribadeo, 17 de outubro de 2024. En Ribadeo tivo lugar este xoves unha xornada de recollida de voces no marco do Proxecto Nós, unha iniciativa para apoiar e promover o uso da lingua galega e mantela viva no futuro.
O alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, agradeceron a participación “a todas as persoas que a súa voz para este proxecto tan importante”.
O rexedor subliñou que “hoxe en Ribadeo demos un paso máis para preservar e fortalecer o galego no ámbito da intelixencia artificial. É un orgullo apoiar iniciativas que non só promoven o uso do galego, senón que tamén aseguran o seu futuro nas ferramentas dixitais que marcan o noso día a día”.
Esta xornada de captación de voces en lingua galega estivo promovida pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, que contou coa colaboración do Concello de Ribadeo.
Ao longo da xornada participaron ducias de veciños e veciñas a doar a súa voz. Entre eles, participou o alcalde, Dani Veiga e diferentes membros da Corporación así como representantes de diferentes colectivos sociais e culturais de Ribadeo como a Agrupación Cultural Francisco Lanza, a Coral Polifónica de Ribadeo, o Club de Fútbol Sala de Ribadeo, o Club de Ximnasia Rítmica de Ribadeo, a Asociación de Amigos da Gaita, o Colexio Sagrado Corazón ou a ANPA A Faxarda, entre outros, así como veciñas e veciños que, a titulo individual quixeron contribuír coa súa voz a este ambicioso proxecto.
O Concello de Ribadeo foi un dos 16 Concellos seleccionados polo Instituto da Lingua Galega (ILG) e a Secretaría Xeral da Lingua para a realización desta recollida in situ de voces entre a súa veciñanza.
O rexedor dixo que “é un orgullo que se pensara no noso concello para desenvolver unha xornada deste tipo. Estou moi satisfeito da resposta que deu a veciñanza de Ribadeo, que volveu demostrar unha vez máis que é unha veciñanza solidaria e comprometida coa lingua galega”.
Pola súa banda a Concelleira de Facenda, Cultura, Educación e Igualdade, Begoña Sanjurjo sinalou que “desde o Concello fixemos un chamamento a toda a veciñanza de Ribadeo a que acudira á aula informática da Casa da Xuventude a doar a súa voz para colaborar cun proxecto por ser moi positivo para todos os galegos e galegas. E o feito de que ducias de persoas pasaran durante todo o día por aquí doar a súa voz e contribuír cun proxecto destas características é unha gran satisfacción”.