Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo acollerá a vindeira fin de semana o Norteo, o I Torneo de Baloncesto Interautonómico de Veteranas

Ribadeo, 22 de outubro de 2024. Ribadeo acollerá a vindeira fin de semana o Norteo, o I Torneo de Baloncesto Interautonómico de Veteranas, que organizan as Federacións Galega e Asturiana de Baloncesto e coa colaboración do Concello de Ribadeo e CB Ribadeo.

O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, contou que “os vindeiros 26 e 27 de outubro Ribadeo vivirá en primeira persoa a estrea dunha cita na que xogadoras veteranas, chegadas de Asturias e da propia Galicia, abrirán a temporada desfrutando do deporte, da confraternización e amosando os valores do baloncesto máis alá da pista”.

E sinalou que “cinco equipos galegos e tres asturianos protagonizarán dúas xornadas ben completas, cun total de 12 encontros repartidos entre o pavillón polideportivo e o pavillón de deportes. Os encontros terán lugar o sábado 26 en horario de mañá (11:00 e 12:30 horas) e tarde (18:00 e 19:30 horas) e o domingo 27 en quenda de mañá (10:30 e 12:00 horas). O acceso a todos eles será libre”.

Galicia estará representada por Cidade de Lugo (Lugo), CB Rodaballo (Vigo), Basket Aurum (Ferrol), ADC Dos más Uno (Santiago) e un último equipo por confirmar. Dende Asturias visitarán Ribadeo: Avigoats, Gijón Basket e Pumarchi.

A concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo dixo: “as Federacións Galega e Asturiana de Baloncesto impulsan esta edición do Norteo cunha clara vocación integradora, apostando polo baloncesto, os seus valores e as implicacións da vida deportiva máis aló dos 35 anos. Nesta liña, todas as participantes no Torneo sumarán esforzos en apoio á Asociación Española Contra o Cancro. Todas elas portarán camisetas rosas e remarcarán a importancia do traballo de investigación na prevención do cancro”.

E engadiu: “temos que apoialas coa nosa presenza os días 26 e 27 de outubro nos pavillóns de Ribadeo nesta primeira edición do Norteo. Amosemos o noso apoio ao deporte feminino e á loita contra o cancro, todo dunha vez. Vémonos nos pavillóns”.

Esta primeira edición do Norteo contará tamén coa colaboración de Gestión Gratelu S.L., que achega o seu compromiso con este torneo a través da acción de respaldo á Asociación Española Contra o Cancro.

Exit mobile version