Ademais, subliñou a importancia de visibilizar todas as iniciativas que se levan a cabo en materia de violencia de xénero. Tamén informou sobre as 26 actuacións gratuítas que a Xunta de Galicia en colaboración coa Fegamp ofrece aos municipios para combater a violencia, dispoñibles durante todo o ano e non só en novembro, entre as que se inclúe o programa Conectade@s, que foi concedido ao Concello ribadense.
Durante a reunión a concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, e a directora do CIM, Montserrat González presentaron as actividades realizadas no último trimestre e as programadas ata o peche do ano. A edil ribadense destacou “un amplo programa de ciberseguridade, enfocado na saúde mental e a violencia de xénero para adolescentes, que incluirá talleres e charlas coa participación de psicólogas como Olalla Guimarey, María José Garrido Antón e a asociación Aliade Ultreia”.
Sanjurjo explicou que “fixemos especial fincapé nunha charla que terá lugar a principios de decembro para familias que tratará sobre este tema. No ámbito cultural, para este trimestre programáronse actividades dirixidas aos máis pequenos, como contacontos, e obras de teatro de gran interese para público xeral, como A Cincenta que non quería comer perdices, a cargo de Sarabela Teatro. Esta obra, baseada no conto da escritora Nunila López Salamero, ofrece unha reinterpretación crítica do conto clásico, abordando temas de igualdade de xénero e cuestionando os estereotipos tradicionais. A través dunha narrativa orixinal, convida a reflexionar sobre a independencia e a liberdade de decisión das mulleres”.
Para Begoña Sanjurjo “as mesas de coordinación institucional, como a celebrada hoxe, xogan un papel fundamental na loita contra a violencia de xénero. Serven como espazos de traballo conxunto onde diferentes institucións coordinan esforzos, comparten información e establecen estratexias comúns para garantir unha protección máis eficaz das vítimas. Ademais, esta semana tamén se reuniu o Consello Municipal de Mulleres de Ribadeo para reforzar o compromiso do noso municipio na promoción da igualdade e a erradicación da violencia de xénero”.
E engadiu: “desde a Área de Igualdade seguimos traballando na coordinación e colaboración con todas as institucións implicadas, para garantir unha resposta integral e eficaz, apoiando sempre a prevención e a sensibilización desde todas as idades”.