Site icon Crónica3.com A Mariña

“Retrocedendo, que é xerundio!”, por Antonio Gregorio Montes

Un ano máis, diversas análises que se van facendo de ano en ano e que neste 2024 viñeron a cristalizar hai pouco cos datos do IGE, manifestan nos seus informes un deterioro do galego. Poden verse os datos obtidos a partir da páxina https://www.ige.gal/web/mostrar_actividade_estatistica.jsp?codigo=0206004. Entendámonos, as análises anteditas refírense ó retroceso no uso da lingua, pero, como se ten repetido moitas veces, o galego (lingua) como vehículo de transmisión é algo así como a proa do galego en sentido amplo: da identidade galega, do ‘espírito’, da demografía e ata en certo xeito, da economía galega entendendo como tal a que ten a cabeza impositiva en Galicia e non no paraíso fiscal madrileño, aínda que produza na terra dos mil ríos.

A lingua non deixa de ser, en termos económicos, un capital, un recurso que máis ou menos pode cuantificarse cun valor. Ó fin, non se di que o principal activo económico do Reino Unido da Gran Bretaña é o inglés? Pois ben, a ‘empresa-galego’ tal parece que está nun decaemento imparable que leva directo á súa bancarrota, arrastrando consigo a parte (pode parecer pequena, pero polo momento non tanto, por moito que estea a encoller) da economía, e representando un aspecto negativo para o conxunto do desenvolvemento económico.
Digo o anterior como lembranza e como o aviso dunha posta en valor que non se soe facer en relación á nosa lingua, nun mundo no que os cartos soen poñerse moitas veces como valor primeiro, non porque (eu) considere que así deba ser.

O caso é que mesmo nunha situación de baixa non só continuada senón tamén acelerada, dende a institución ‘Xunta’ acalan a animosidade dicindo algo así como que o galego aínda é maioritario (‘O secretario xeral de Política Lingüística non ve “hexemonía do castelán”’), por moito que os números amosen outra realidade e como se esa afirmación fixera de motivo desestimante ou mesmo deslexitimador de cambios necesarios no manexo lingüístico.

O caso é (tamén) que o galego está pasando a ser cousa de vellos en idade (en espírito, habería que fiar máis fino), tendo unha composición de usuarios (parlantes sobre todo, máis que escribintes) máis desequilibrada aínda da que se pode observar na pirámide de poboación. Un gráfico, por certo, que coido sería moi ilustrativo, non teño visto en ningures e non teño feito por unha mistura de medo e vagancia.

Levo moito tempo pensando que debemos de enfrontar como sociedade ese retroceso,. Non só dende as institucións, senón que tamén nos toca a cada un de nós, galegofalantes, tentar non só de usalo nos intercambios diarios, senón de estendelo mediante a creación e a súa difusión, o impulso da ciencia ou da economía, en fin, mediante a nosa contribución individual e coordinada ó seu florecemento mil primaveras máis.

Exit mobile version