O cadro mariñao entrou por diante nos últimos cinco minutos e sentenciou cando os visitantes apostaron por sacar o porteiro-xogador
Entraron algo mellor no encontro os visitantes, que foron os primeiros en xerar perigo sobre a portería contraria cun disparo afastado de Lucas Trípodi, que resolvía sen problemas Kaluza, e un contragolpe de Gabi que finalizaba cun tiro demasiado cruzado. No minuto 7 respondían os burelistas cun cabezazo de Pitero, que se adiantaba ao meta visitante na súa saída pero o seu remate íase moi elevado. Posteriormente, Kaluza despexaba con apuros un remate de Dani Fernández.
O único tanto da primeira metade chegaba a piques de superar o ecuador da mesma, nunha acción na que Malaguti remataba sobre a meta de Raúl Jiménez, pero o seu envío tocaba nun defensa e quedáballe franca a Charly para fusilar a portería visitante cunha boa volea.
O gol espoleou ao Ribera Navarra, que practicamente engarrafou ao conxunto mariñao no seu campo durante cinco minutos. Primeiro buscou o empate Lucas Trípodi nunha acción de estratexia, pero o seu disparo foise rozando a cruceta. Malaguti, nun bo xiro de pívot, finalizaba cun tiro algo desviado e despois era Alberto Lahuerta o que dispoñía de ata tres ocasiones para perforar a meta laranxa. Na primeira resolvía moi ben o man a man Kaluza e na terceira de novo o polaco facíase grande para evitar o tanto do navarro, que entremedias se atopaba cun pau da meta local.
Rikelme, nunha acción individual na que se desfacía de Gabi, tiña o segundo para os Pícaros, pero Raúl Jiménez interpoñíase e de novo volvía o acoso dos visitantes cun disparo desde o costado esquerdo de Lucas Trípodi. Antes do descanso, Malaguti remataba desviado tras unha boa combinación con Rikelme e Isma non aproveitaba un balón morto ante Raúl Jimémez, que volvía taponar sendo salvador para o seu equipo.
O segundo tempo comezou cunha gran volea de Rikelme á saída dun córner que se ía por moi pouco. No 25 e no 26 volvía aparecer Kaluza en dous disparos de Lucas Trípodi e Marc Campás. Respondía para os mariñaos Pitero, que se viraba moi ben no pivote pero o seu remate sacábao cun bo pé Raúl Jiménez.
O partido baixou un pouco de revolucións ata que se entrou no último cuarto. Xa ahí Malaguti atopábase co pau despois de baixar moi ben un balón co peito e posteriormente era o ribero Éric Perez o que tería a mellor ocasión para o seu equipo neste segundo período. O de Badalona atopábase cun balón dentro da área, remataba sen pensalo de tacón e Kaluza demostraba uns grandes reflexos para aparecer milagrosamente e sacar o balón a córner.
Os burelistas tiveron o segundo no minuto 35, pero o chileno Araya non lograba chegar ao segundo pau para finalizar un bo contraataque guiado polo brasileiro Rikelme. Con 5 minutos e 13 segundos por disputarse, Álvaro Cordón, ‘Cone’, apostaba polo xogo de cinco con Joselito portando a camiseta de porteiro-xogador. E aí emerxía de novo a figura colosal de Kaluza, que non só se limitou a parar hoxe, senón que tamén anotou un dobrete con dous lanzamentos idénticos desde a súa propia área. Co 3-0 no tenteador e Vista Alegre celebrando xa a primeira vitoria do curso, os tudelanos anotaban o tanto da honra por mediación de João Batista cando xa se disputaba o último minuto de xogo.
Ficha Técnica Pescados Rubén Burela FS 3-1 ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra
Pescados Rubén Burela FS (3): Kaluza; Araya, Isma, Rikelme, Malaguti -quinteto inicial-, Alberto, Quelle, Pitero, Charly e Juninho.
ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra (1): Raúl Jiménez; David, Lucas Tripodi, João Batista, Éric Pérez -quinteto inicial-, Gabi, Sepe, Alberto Lahuerta, Darrieer, Dani Fernández, Joselito e Marc Campás.
Goles: 1-0, min. 9: Charly. 2-0, min. 36: Kaluza. 3-0, min. 38: Kaluza. 3-1, min. 40: João BatistaÁrbitros: Antonio Jesús García (Colexio Andaluz) e Eder Gómez de Salazar (Colexio Vasco). Amoestaron ao local Quelle e ao visitante Éric Pérez.
Incidencias: Encontro da terceira xornada da Primeira División masculina disputado no pavillón de Vista Alegre diante duns 1.000 espectadores.