Viveiro, 19 de outubro, 2024. Por Viveiro pide a activación da variante desde Area ata Landrove. Explican que: “É ben coñecido o déficit de infraestruturas por estrada que padece o concello de Viveiro, déficit que ademais, de limitar a realización de desprazamentos por estrada con rapidez e seguridade, lastra e dificulta o desenvolvemento económico do noso Concello”.
“Despois da decisión do goberno central de levar a autovía A8 ata Vilalba, a Xunta de Galicia promete a construción dunha vía de alta capacidade entre San Cibrao e Ferrol, para compensar dos efectos desta medida ós concellos da Mariña e Ortegal, vinte e cinco anos despois unicamente están en servizo dous tramos, as variantes de Xove e Ortigueira. Esta vía de alta capacidade incluía o compromiso da construción da variante de Viveiro, un dos factores fundamentais do devandito déficit de infraestruturas e que implica que todo o trafico de entrada e saída de Viveiro teña que circular pola ponte da Misericordia e pola Travesía da Mariña, feito que provoca importantes retencións nas épocas de moita afluencia: meses de verán, Semana Santa e Festival Resurrectión Fest, etc., ademais do constante deterioro do pavimento debido ao tráfico pesado que habitualmente circula por estas vías”.
“Logo de que o trazado da variante de Viveiro fora aprobado polo pleno da corporación no ano 2006, a día de hoxe, transcorridos 18 anos, non se ten producido ningún avance significativo para a construción da variante de Viveiro, o terceiro Concello con mais poboación da provincia de Lugo, nada se sabe. No proceso de aprobación do PXOM de Viveiro, no mes de setembro de 2021 previa negociación do portavoz do noso grupo cos grupos de PP e PSOE, chegouse a un consenso sobre o trazado da variante, o cal figura grafiado no PXOM que supostamente se vai aprobar algún día, pero para o cal, perdimos toda esperanza”.
“En Por Viveiro entendemos que e fundamental e prioritaria a construción do tramo entre Area e A Arredoada en Landrove, pois captaría unha parte moi importante do trafico de entrada e saída de Viveiro procedente de Galicia e do estado pola estrada LU-540 e da Mariña pola estrada LU-862. Podendo quedar para unha fase posterior o tramo entre Landrove e o limite co Concello de O Vicedo”.
Por todo o exposto anteriormente, o Grupo Municipal de POR VIVEIRO traslada a seguinte proposta de acordo para a súa aprobación en pleno:
1. Realización diante da Xunta de Galicia das xestións necesarias para unha rápida licitación do proxecto, segundo o trazado consensuado no 2021, e posterior licitación da construción do tramo da Variante de Viveiro entre Area e A Arredoada en Landrove.
2. Traslado deste acordo á Mancomunidade de Concellos da Mariña, da que tamén solicitamos a súa aprobación.