Viveiro, 23 de outubro de 2024. A XIII Limpeza Simultánea de Praias promovida por Adega celebrarase este ano en 29 concellos de toda Galiza e contará coa participación de máis de 40 entidades (asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas, centros de ensino…). A actividade terá lugar entre o 25 e o 27 de outubro e mobilizará a numerosas persoas voluntarias que se desprazarán aos areais para deixalos libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social.
En Viveiro, o Colectivo Pensamento e Sementeira coordina a limpeza que se fará na praia de Area o sábado 26 entre as 10.30 e as 13.30 horas. A asociación anima á veciñanza a participar na limpeza, para a que se establece como punto de encontro o Posto de Salvamento da Praia de Area (os aseos da praia) ás 10.30 horas.
Voluntariado Ambiental
Con este tipo de accións, a organización pretende poñer o foco sobre a problemática dos residuos nos nosos areais despois da tempada estival así como a importancia de conservar as nosas praias libres de lixo, evitando que acabe no mar.
Ademais, ADEGA e Pensamento e Sementeira inciden en que as limpezas de praias non se deben realizar de forma illada e convidan a calquera persoa a recoller o lixo do noso litoral sempre que poida e de xeito manual, respectando os ecosistemas dunares e tendo especial coidado coa fauna e a flora que nelas habita.
Pódese atopar máis información nas redes sociais do @colectivo_sementeira ou no correo electrónico colectivosementeira@gmail.com