Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Castro de Rei denuncian a falta de transparencia do concello na xestión dos problemas da auga potable

A súa Voceira, Alba Sinde, alerta de que dende o mes de agosto a veciñanza non tivo información ata esta semana sobre a potabilidade da auga, que contiña un alto volume de arsénico, “con información difundida a través de Facebook, algo que non é accesible para todo o mundo, sobre todo para a xente maior”

Castro de Rei, 29 de outubro de 2024. O PSdeG-PSOE de Castro de Rei quere manifestar o seu malestar e preocupación pola falta de transparencia e a deficiente xestión informativa por parte do goberno municipal en relación aos problemas da auga potable no concello, que levan meses afectando á veciñanza e poñendo en risco a súa saúde. Esta semana o Concello avisou de que a auga é potable tras semanas sen información.

O súa Voceira, Alba Sinde, alerta de que desde o pasado mes de agosto, a veciñanza recibiu unha única comunicación oficial onde se recomendaba non consumir a auga durante seis días debido ao alto contido de arsénico detectado. “Esta recomendación non foi posteriormente actualizada nin revogada, ata esta mesma semana, o que levou a moitos veciños e veciñas a retomar o consumo da auga sen saber se esta cumpría ou non os parámetros de seguridade establecidos polas normativas de saúde pública”.

Ante esta falta de información, os socialistas instaron s ao goberno local no pleno de agosto a que mellorase o sistema de comunicación co público. “Esiximos que se notificase a situación de forma efectiva e accesible para todas as persoas, máis aló dunha publicación nas redes sociais, que non é suficiente para chegar a toda a poboación, especialmente á máis vulnerable, as persoas maiores. A resposta do equipo de goberno foi que, ao tratarse dunha recomendación e non dunha prohibición, a difusión por Facebook era o método máis rápido, e que informar casa por casa era innecesario”, detalla Sinde.

“É intolerable que teñamos que enterarnos través dos medios que a auga continuaba sendo non apta para o consumo, unha comunicación que chegou sen ningún outro aviso directo, mantendo aos cidadáns desinformados e creando unha perigosa confusión”, alerta, ao tempo que indica que agora deron información da potabilidade da auga, “pero a información chega tarde, mal e xerando dúbidas na xente”.

Os Socialistas de Castro de Rei “non podemos tolerar esta actitude de opacidade e desleixo por parte do goberno local, que actúa cunha clara falta de responsabilidade e respecto cara aos cidadáns que serve”. Denuncian que esta xestión ineficaz da información pretende ocultar a magnitude do problema para evitar as críticas, en vez de poñer en marcha medidas que poidan garantir a seguridade sanitaria da veciñanza.

Desde o PSdeG-PSOE de Castro de Rei esíxenlle ao goberno local que asuma a súa responsabilidade e actúe con transparencia e eficacia. “A saúde da veciñanza debe ser unha prioridade, e demandamos unha solución real e sostible ao problema da auga en Castro de Rei, que non pase por pospoñer inversións fundamentais, senón por acometelas con urxencia para garantir a calidade e seguridade da auga”.

Sinde é clara e di que é o momento de que “se escoite á cidadanía e se actúe sen escusas. Non podemos permitir que a saúde pública sexa ignorada en beneficio da inacción”.

Exit mobile version