O voceiro dos socialistas no municipio, Pablo Díaz, desmente os anuncios feitos pola Xunta sobre esta dotación social e aclara que o financiamento provén dos orzamentos do Goberno de Pedro Sánchez
“É importante que a cidadanía teña claro que a maior parte dos fondos que fan posible esta residencia proveñen do Goberno do Estado e non da Xunta de Galicia, como se dixo”, explicou Díaz. Aclarou, ademais, que aínda que a Xunta participa no proxecto, non é a responsable da achega económica, que provén dos orzamentos estatais vinculados ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
O portavoz socialista manifestou o compromiso do seu partido coa transparencia e coa verdade: “Non permitiremos que se manipule a información nin que se atribúan méritos que non corresponden. O noso deber é recoñecer os esforzos de quen realmente fai posible esta residencia, que é o Goberno Central”.
“Este apoio do Goberno central é esencial para dotar a nosa poboación maior dun servizo tan necesario, garantindo 44 prazas en 22 habitacións dobres”, afirmou Díaz. O portavoz socialista subliñou que esta infraestrutura mellorará notablemente a calidade de vida dos maiores de Abadín e converterase nun motor de dinamización económica para o municipio, tanto pola creación de novos postos de traballo como polo impacto positivo na actividade local.
Díaz destacou, ademais, o impacto que esta nova infraestrutura terá no municipio: “Non só mellorará a atención aos nosos maiores, ofrecendo un servizo de proximidade e calidade, senón que tamén xerará emprego e impulsará a economía local”.
Para finalizar, o portavoz socialista reiterou o seu agradecemento ao Goberno do Estado e comprometeuse a seguir traballando para que proxectos coma este continúen avanzando. “O noso obxectivo é que Abadín siga progresando, e a construción desta residencia é un paso importante cara a un futuro mellor para todos os nosos veciños”, ao tempo que reiterou o compromiso dos socialistas para lograr “un futuro mellor para todos os nosos veciños a través dunha oposición que constrúe, sen deixar lugar á manipulación.”