Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Abadín denuncian a “pésima atención sanitaria” no centro de saúde

Así o anunciou hoxe o Voceiro Socialista, Pablo Díaz, quen subliña que “é unha circunstancia totalmente inaceptable que deixa desatendidas a numerosas familias e persoas maiores que dependen da atención primaria para garantir a súa saúde, hai días que non hai ningún médico”

Abadín, 2 de outubro de 2024. O Grupo Municipal Socialista de Abadín denuncia a crítica situación que está a sufrir o Centro de Saúde do municipio, unha situación que se está a converter en insostible para os veciños e veciñas. “Esta problemática pon en evidencia o abandono por parte da Xunta de Galicia, que non están a garantir unha atención digna e adecuada”, alerta o seu Voceiro, Pablo Díaz.

Nos últimos meses, explican os socialistas, o Centro de Saúde de Abadín enfróntase a días sen ningún médico dispoñible, “unha circunstancia totalmente inaceptable que deixa desatendidas a numerosas familias e persoas maiores que dependen da atención primaria para garantir a súa saúde. Ademais, resulta moi frecuente que as citas médicas que os veciños e veciñas conseguen con moita dificultade sexan canceladas o día antes, sen ningún tipo de aviso previo e sen ofrecer alternativas razoables”.

Así mesmo, indican que moitos veciños teñen que esperar dúas semanas ou máis para conseguir unha cita médica, e logo, á última hora, atópanse coas súas citas anuladas. Díaz detalla que “esta situación non só pon en risco a saúde da poboación, senón que ademais causa importantes prexuízos a nivel laboral e persoal, xa que moitos veciños teñen que reorganizar a súa vida para poder acudir ao médico, e finalmente ven frustrado ese esforzo por cancelacións arbitrarias”.

Ademais, o grupo socialista tamén levou mocións ao pleno do Concello para esixir solucións concretas a esta problemática, sen que, ata o momento, se obteñan resultados efectivos. Malia o respaldo da cidadanía e a mobilización da veciñanza, a situación non fixo máis que empeorar.

Os socialistas de Abadín recordan que xa levaron a cabo unha iniciativa de recollida de firmas para reivindicar melloras no Centro de Saúde e instar á Xunta a que reforzase o persoal e garantise unha atención médica continuada e de calidade. Malia o respaldo da cidadanía e a mobilización da veciñanza, a situación non fixo máis que empeorar.

“É inaceptable que nun municipio como Abadín, a atención sanitaria sexa tan deficiente. A sanidade é un dereito fundamental, e a Xunta de Galicia está a desatender aos veciños e veciñas, obrigándoos a desprazarse a outros municipios ou, peor aínda, a quedar sen a atención que precisan”, denuncian desde o grupo socialista.

Por todo isto, os socialistas de Abadín esixen á Xunta de Galicia que tome medidas urxentes para solucionar esta situación e que garanta que o Centro de Saúde conte cun equipo médico completo e dispoñible de forma continuada. Ademais, solicitan transparencia na xestión das citas e que non se produzan cancelacións sen previo aviso, ofrecendo alternativas realistas para evitar os prexuízos que a actual situación está a causar aos veciños.

“É hora de que a Xunta e o Sergas se tomen en serio as necesidades da xente de Abadín. A sanidade non pode ser un privilexio para uns poucos, senón un dereito ao que todas as persoas teñen que ter acceso en igualdade de condicións”, subliña Pablo Díaz.

Exit mobile version