Os orzamentos autonómicos continúan coa aposta da Xunta polos hospitais comarcais ao recoller 6,5 millóns de euros para avanzar na ampliación do Hospital da Mariña e no Plan director do Hospital de Monforte
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou estes datos na súa visita ao centro de saúde de Fingoi, na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e do xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares.
O incremento orzamentario posibilitará mellorar infraestruturas e equipamento e seguir blindando unha asistencia sanitaria de calidade para os veciños e veciñas desta área sanitaria.
As contas da Consellería para o vindeiro ano acreditan o compromiso do Executivo galego coa cidade de Lugo, posto que van permitir iniciar as obras do centro de saúde da Milagrosa, coa partida de 1 millón de euros reservada ao efecto.
Tamén posibilitarán avanzar nunha infraestrutura prioritaria para o Goberno galego, o centro de saúde do Sagrado Corazón. A tal fin, o conselleiro remarcou a vontade da Xunta de impulsar esta infraestrutura para o que agarda retomar o diálogo co Concello, toda vez que modificou a súa proposta inicial. Neste sentido, o conselleiro pídelle ao Concello que despexe dúbidas e non poña atrancos para unha áxil construción.
Gómez Caamaño tamén puxo en valor que os novos orzamentos permitirán seguir apostando polos hospitais comarcais da provincia, aos que se destinan preto de 6,5 millóns de euros para avanzar na ampliación do Hospital da Mariña (5M€) e no Plan director do Hospital de Monforte (1,4M€) co obxectivo de contar con espazos máis modernos e funcionais.