Afiliación do SLG participará nos faladoiros divulgativos e achegarán os seus produtos para a venda na feira
Compostela, 10 de Outubro 2024. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) participará na “II Feira do Mercado Social de Ribadeo”, que terá lugar na Praza do Campo da Vila (Parque de San Francisco) este sábado 12 de outubro en horario de 12:30h a 14:00h e de 16:30h a 18:00h.
Este espazo desenvólvese no marco da Rede Eusumo, e contará con faladoiros divulgativos que na quenda de mañá versarán en torno á potencialidade dos nosos montes e na de tarde centraranse na promoción da intercooperación para o autoabastecemento enerxético das comunidades de montes. Tamén contará con animación infantil e actuacións musicais.
Ao longo de toda a xornada persoas labregas afiliadas ao Sindicato Labrego participarán achegando os seus produtos para a venda, así como nos espazos divulgativos.
O SLG traballa desde a súa orixe na defensa do tecido social das localidades, das bases da economía de cada territorio e da calidade de vida das súas veciñanzas. Estamos presentes nas loitas polo mantementos dos servizos básicos, da calidade ambiental e da economía real, fronte ás forzas do grande capital que trata de impor os seus intereses. Exemplificámolo coa nosa participación na resistencia fronte ós polígonos eólicos, a megaminería ou as macrogranxas, pero tamén contra a explotación das traballadoras do campo, a privatización das pensións e o desmantelamento da sanidade pública.
En definitiva, o modelo polo que loitamos camiña cara a sustentabilidade social e ambiental de cada territorio, e iso precisa sen dúbida unha nova forma de economía, social, que xuntas podemos construír dende as fisuras do sistema, por exemplo sumando forzas en iniciativas como esta II Feira do Mercado Social de Ribadeo.