Máis de 180 veciños e veciñas de Monforte de Lemos, Foz, Pantón, Viveiro, Burela, Riotorto e Sober participarán ata o venres nesta iniciativa de viaxes gratuítas que pretende dinamizar a economía e dar a coñecer o patrimonio da provincia
Tomé Roca deu a benvida aos monfortinos e monfortinas no Salón de Actos da sede da Deputación e explicou o impacto positivo que ten o Coñece a túa provincia no territorio: “Un programa que ideamos durante a pandemia para axudar aos sectores máis desfavorecidos, dinamizar a economía e dar a coñecer o patrimonio da provincia e que mantemos grazas a súa boa acollida”. O mandatario provincial compartiu un tempo con eles, explicando a historia do edificio e algunhas curiosidades sobre a institución.
Os veciños e veciñas do Barrio de Cobas puxeron despois rumbo a Viveiro para coñecer o miradoiro de San Roque e o casco antigo da localidade. Hoxe tamén viaxou a Asociación Cívico Cultural Santa Cecilia de Foz, que parou na produtora do Servizo de Audiovisuais da Deputación antes de poñer rumbo á Fonsagrada para visitar o museo comarcal e unha fábrica de embutidos.
Mañá mércores será a quenda da asociación veciñal Tuiriz con U, de Pantón, e da Fundación Galicia Obra Social, de Viveiro. Os primeiros escolleron a ruta de Mondoñedo e pararán a coñecer as instalacións provinciais da Granxa Gayoso Castro; os segundos descubrirán Sober, realizando unha parada no Centro de Interpretación da Reserva da Biosfera Terras do Miño.
A asociación de amas de casa Praia da Marosa de Burela irá a Monforte de Lemos o xoves e, ese mesmo día, a veciñanza de Rivasaltas de Monforte porá rumbo a Xove.
Pecharán a semana este venres a asociación de nais e pais do Colexio de Riotorto, que visitará Cervo, e a asociación cultural Trícole, de Sober, cunha ruta que inclúe a zona de Portomarín e Paradela.
A iniciativa provincial está dirixida a asociacións e colectivos sen ánimo de lucro de toda a provincia e consiste en viaxes gratuítas, en pequenos grupos, dunha xornada de duración por diferentes puntos da xeografía lucense seguindo diversas rutas polo patrimonio natural, histórico, cultural e gastronómico.
O programa Coñece a túa Provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.