Site icon Crónica3.com A Mariña

O Presidente anuncia que a Deputación licitará antes de final de ano a construción da granxa de porco celta por máis de 1M€ na finca Gayoso Castro

Cunha capacidade máxima de 24 porcas de cría e 5 porcos reprodutores, as instalacións que se situarán na finca da institución en Castro de Rei terán unha superficie de máis de 1.000 m2 e contarán cun espazo “multifuncional” que incluirá unha nave de produción, zona de corentena, aularios, vestiarios e almacenaxe

Lugo, 17 de outubro de 2024. O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, anunciou este xoves que a institución provincial licitará antes de final de ano a construción da granxa de porco celta por 1,057M€. O mandatario provincial cumpre así co seu compromiso de dotar á provincia dun servizo público que, segundo explicou, será “fundamental para o futuro do noso sector primario” e “decisivo na formación dos profesionais que serán os encargados de velar pola saúde animal e a sostibilidade da nosa gandería”.

Detallou que está previsto que a Deputación licite os traballos antes de que remate o ano, para podelos adxudicar no primeiro trimestre de 2025, “coa ambición de que esta granxa de porco celta estea en pleno funcionamento no ano 2026”.

“Esta nova granxa nace como un espazo de formación, que conectará a teoría e a práctica, permitíndolle aos estudantes da Facultade de Veterinaria e aos Enxeñeiros Agrónomos da USC do Campus Terra realizar prácticas formativas de gran valor”, destacou Tomé Roca, que engadiu que servirá tamén “para seguir traballando para que a Facultade de Veterinaria supere as inspeccións europeas e manteña un alto posto no ránking de Shangai como as mellores do mundo. A formación práctica é esencial para que os nosos futuros profesionais adquiran as competencias necesarias para facer fronte aos retos que presenta o sector nun laboratorio vivo”, argumentou.

As instalacións

Cunha capacidade máxima de 24 porcas de cría e 5 porcos reprodutores, as instalacións que se situarán no complexo da finca Gayoso Castro que a Deputación de Lugo ten en Castro de Rei e terán unha superficie edificada de máis de 1.000 m2 e consistirán nun espazo “multifuncional” que incluirá unha nave de produción, zona de corentena, aularios, vestiarios e almacenaxe.

A nave de produción será a estrutura principal da granxa, onde se desenvolverá a maior parte da actividade. A nave dividirase en distintos módulos que separarán as diferentes etapas da produción. Haberá unha zona de corentena, unha área separada da nave principal que será utilizada para illar os animais en caso dalgunha enfermidade. Na Granxa haberá tamén aularios, vestiarios, 4 silos para almacenar alimento, depósitos de auga, grupos electróxenos, unha fosa de purín, ademais de pistas para comunicar as diferentes zonas e os correspondentes peches perimetrais do recinto.

Sinalou o Presidente que se integrará “perfectamente nas actividades que xa estamos desenvolvendo na Granxa Gayoso Castro”, e lembrou que a Deputación está a levar a cabo proxectos de crianza de xatas de raza rubia galega en colaboración con ACRUGA, recría de gando vacún, a Granxa Experimental de Leite e a recuperación da raza de vaca cachena e cría de cabalos. “Unha actividade que agora se ve reforzada coa conservación e mellora da raza porco celta, que servirá tamén para a formación universitaria de veterinarios e enxeñeiros agrónomos”, valorou.

Compromiso co sector primario

“Seguimos co noso obxectivo de poñer a formación, a investigación e a innovación ao servizo dos gandeiros e gandeiras da nosa provincia, de todo o sector primario, e ao servizo do desenvolvemento do rural”, destacou o mandatario provincial.

Sinalou que “a provincia de Lugo é punteira na produción de leite, carne e madeira, e a Deputación está decidida a seguir apoiando e desenvolvendo estes sectores”, detallando que “a agricultura e a gandería son as raíces da nosa economía e, como tal, merecen ser potenciadas e coidadas”.

Esta granxa de porco celta contribuirá, en palabras do Presidente, ao desenvolvemento económico da provincia de Lugo a través do impulso dun sector produtivo esencial para a nosa provincia; a afianzar a posición da provincia de Lugo no mapa do ensino superior europeo; e a reter o talento dos mozos e mozas, e a fixar poboación no rural da nosa provincia.

Esforzo para “paliar a falta de visión” da Xunta

“As Administracións Públicas temos un deber”, comentou José Tomé Roca, “atender á cidadanía, no seu día a día, pero tamén, planificar e impulsar o futuro da sociedade a medio e longo prazo, dende unha visión global e estratéxica do territorio; dende o coñecemento da súa realidade e das súas oportunidades”. E nese sentido comentou que “botamos en falta esta visión estratéxica por parte da Administración autonómica que debería liderar esta acción política, e sobre todo, é quen ten as competencias e os medios económicos para axudar ao rural, pero a realidade é que non se lle está vendo unha política clara de axuda ao medio rural”.

Destacou que “desde a Deputación de Lugo, intentamos paliar esa falta de visión estratéxica de futuro para o sector primario e para o rural, dentro das nosas posibilidades e cos recursos dos que dispoñemos” e que nese sentido a institución provincial faino “coa fórmula máis axeitada: da man dos sectores produtivos e incorporando o coñecemento da Universidade”.

Exit mobile version