Ameijide recorda que o pasado mes de xullo se solicitou a José Tomé o sinalamento de data e hora para que os deputados populares puidesen entrar na residencia de Becerreá “e ata agora o único que fixo o presidente é dar novas mostras da súa falta de transparencia ao negarse a responder á petición”
Lugo, 2 de outubro de 2024. O portavoz provincial popular, Antonio Ameijide, explica que o Grupo Popular solicitou, o pasado 2 de setembro, á Deputación de Lugo acceso e copia das certificacións aprobadas ata a actualidade e a documentación correspondente ás mesmas en relación ás obras de construción e posta en marcha dos centros de atención a maiores da Pobra do Brollón, A Pontenova, Becerreá e Guitiriz.
Antonio Ameijide recorda que se trata de centros comprometidos polos diferentes gobernos socialistas e nacionalistas que tivo a Deputación de Lugo dende 2007 e que todos deberían de estar xa en funcionamento.
Porque a realidade é que a Deputación Provincial de Lugo é a propietaria dunha rede de centros de atención a maiores situados en distintos concellos da provincia. Algúns dos centros xa teñen posto en marcha o servizo de residencia, outros están rematados e pendentes de apertura, como é o caso do CAM comarcal de Becerreá, outros levan anos comprometidos e pendentes de executar as obras e outros aínda están en construción, como é o caso de Guitiriz ou A Pontenova.
“Queremos acceder a toda esa documentación porque é a proba fidedigna de todo o que se fixo ata agora neses centros e o único xeito real de coñecer o estado real das obras”, explicou Antonio Ameijide.
CAM COMARCAL DE BECERREÁ
A residencia de Becerreá é un caso especial xa que se trata dun centro comarcal que leva máis de tres anos rematado e pechado porque “José Tomé, o PSOE e o BNG teñen rencillas persoais contra o alcalde da localidade”, explicou Ameijide, “motivo polo que se negan a poñer en marcha este centro” a pesar da gran presión existente no municipio e en toda a comarca dos Ancares.
Durante estes anos que esta instalación leva pechada xa se produciron danos no exterior, consecuencia de accidentes así como de intentos de roubo “e queremos coñecer a situación do interior desta instalación”.
Antonio Ameijide explica que o pasado 19 de xullo se solicitou ao goberno provincial a posta a disposición de data e hora para que os deputados populares puidesen acceder ao interior para ver os posibles danos que o paso do tempo puido producir no interior. “A realidade é que teñen moito que agochar xa que nin resposta deron á petición”, afirmou.
Ante esta situación, Antonio Ameijide afirma que se José Tomé non pon a disposición unha data “non teremos máis remedio que volver a poñer en coñecemento da Valedora do Pobo as trabas reiteradas ao noso traballo como oposición”.
Neste senso, a Valedora do Pobo xa ditaminou en marzo que José Tomé, o PSOE e BNG vulneran dereitos fundamentais protexidos na CE, algo que reafirma de forma contundente a Valedora apoiándose en doutrina do Tribunal Constitucional que sinala que “o dereito do art. 23.2 quedaría baleiro de contido ou sería ineficaz se o representante político vísese privado do mesmo ou perturbado no seu exercicio”.
Ademais, a Valedora do Pobo esixiu a José Tomé “que se garanta a libre entrada das persoas deputadas provinciais ás dependencias da Deputación de atención directa á cidadanía; e que nas dependencias nas que se desenvolvan tarefas propias da Deputación, pero sen atención directa á cidadanía, se estableza un réxime de acceso cunha sinxela comunicación previa”.
Cómpre recordar que se trata dun centro con capacidade de residencia para 100 persoas así como outras 40 prazas en centro de día e que podería dar traballo a unhas 100 persoas da comarca de forma directa.
Neste momento falta por conectar o edificio á rede eléctrica, así como contratar o persoal así como adquirir o mobiliario.