Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pide dende A Mariña que “o Goberno se implique con Alcoa e favoreza un marco enerxético competitivo”

A situación de incerteza sobre a factoría de alúmina-aluminio foi un dos temas principais da reunión que mantiveron os deputados nacionais con alcaldes e representantes populares nos concellos da comarca

A Mariña, 24 de outubro de 2024. A situación de incerteza sobre a factoría de Alcoa é un dos problemas que máis preocupan ao Partido Popular da Mariña. Así llelo trasladaron aos deputados nacionais -Jaime De Olano, Francisco Conde e Cristina Abades- alcaldes, portavoces e concelleiros da comarca que participaron nunha reunión de traballo para poñer sobre a mesa “necesidades e incumprimentos do Goberno de Sánchez que nos ten abandonados” e “coordinar” o traballo dos deputados lucenses no Congreso como “voz e altavoz das reivindicacións da Mariña”, segundo explicou De Olano.

Os populares coinciden en que “a factoría de alúmina-aluminio é fundamental para o emprego e o desenvolvemento da comarca” e sinalan que “é imprescindible que o Goberno de España se implique e favoreza un marco enerxético estable”.

O alcalde de Xove e coordinador comarcal do PP, Demetrio Salgueiro, urxe a convocatoria da mesa de seguimento do pacto “firmado por escrito co Ministerio”, a autorización de parques eólicos para garantir enerxía a prezos competitivos e “incrementar o apoio do Goberno a Alcoa en compensacións por custes de emisións indirectos de CO2”.

De feito, segundo subliñou Francisco Conde, portavoz de Industria do Grupo Popular no Congreso, “o Goberno non pon sobre a mesa todos os mecanismos dos que dispón” porque “podería triplicar a aportación por compensacións de CO2 da que se podería beneficiar a planta de Alcoa. España ten que facilitar un prezo da enerxía que permita á fábrica mariñá competir no mercado con respecto a industrias doutros países como Francia ou Alemaña”. O Grupo Popular no Congreso logrou aprobar no Congreso un plan de apoio á industria electrointensiva, “pero o Goberno non fai nin caso”.

UNHA MARIÑA EN DÚAS VELOCIDADES

En materia de infraestruturas, De Olano lembrou que “a nosa comarca está abandonada. Nin tren -co FEVE en decadencia- nin estradas. A autovía A74 está parada dende o Goberno de Mariano Rajoy. Besteiro anunciaba en campaña electoral obras para este ano, pero é unha mentira máis do PSOE”, incidiu De Olano.

Os alcaldes e representantes dos concellos da Mariña tamén advertían dunha situación de “discriminación”. Salgueiro puxo de manifesto que “a falta de investimentos do Goberno en materia de infraestruturas está a xerar unha Mariña en dúas velocidades” á vista de que “a zona oriental está comunicada co norte peninsular e o centro da provincia a través da A-8”.

OUTRAS DEMANDAS AO ESTADO

A práctica totalidade dos representantes do PP citaron ao lobo como un dos problemas principais que sofren a diario gandeiros e veciños: “Xa non só ataca a crías de equino ou vacún, senón que xa ataca a gando maior ou, incluso, mascotas cada vez máis cerca das casas”. Nese sentido, esixen ao Goberno de España retirar esta especie do LESPRE de forma que se rebaixe a súa protección como xa fixo a Unión Europea. “O Goberno de Sánchez preferiu protexer máis ao lobo que aos gandeiros”, incidiron.

Tamén lembraron na reunión a petición ao Goberno do Estado para a mellora das nacionais N-642, N-640 e N-634, habilitar o segundo acceso a Ribadeo dende a A-8, a rebaixa no prezo do solo industrial no polígono de Ribadeo dependente do SEPES, a implicación de Costas do Estado cos accesos ás praias de San Bartolo (Barreiros) e Sacido (Viveiro) e co investimento para poñer en valor o Mosteiro de San Salvador (Lourenzá); ademais de demandar ao Estado reducir a burocracia.

DIMISIÓN DE PEDRO SÁNCHEZ

Os populares coincidiron en pedir a dimisión de Pedro Sánchez á fronte do Executivo estatal ante “a cascada de problemas de corrupción que asolan ao Goberno e ao PSOE”, segundo lembrou Jaime De Olano, que é membro do consello de dirección do Grupo Popular no Congreso dos Deputados.

“O Goberno de Sánchez ten abandonada a Galicia, a Lugo e á Mariña. Está máis preocupado por resolver os seus problemas internos e máis pendente das resolucións xudiciais que de resolver os problemas dos cidadáns”, afeou.

FINANCIAMENTO AUTONÓMICO E LOCAL

A deputada nacional Cristina Abades -representante do PP na Comisión de Política Territorial- sinalou, en relación ao financiamento autonómico, que “o Goberno de Sánchez acepta beneficiar a unhas comunidades mentres prexudica a outras coma Galicia. Estase a falar de financiamento autonómico, pero non se está a falar de financiamento local. Os Concellos non están na axenda política do Goberno de Sánchez”, sentenciou.

A popular tamén condena que “o Goberno do Estado tome decisións que afectan aos Concellos sen contar coas entidades locais”. A lexislación estatal impón obrigas aos Concellos en materia de recollida de animais abandonados e, máis recentemente, impulsou unha lei de residuos que lles afecta directamente. Neste sentido, alcaldes e representantes do PP da Mariña reivindican “un incremento das transferencias aos Concellos procedentes da recadación de tributos do Estado”.

Exit mobile version