Os populares felicitan á asociación, loan a xestión do Concello de Xove e agradecen o investimento da Fundación Amancio Ortega
A popular felicita á asociación, loa a xestión do Concello de Xove por xestionar e aprobar a cesión dunha parcela en apenas semanas e agradece á Fundación Amancio Ortega o investimento de 10M€ para a construción e a dotación de equipamento do centro residencial. Gueimunde subliña, nese sentido, que “aínda non escoitamos o agradecemento público da alcaldesa e a tenente de alcaldesa ante este importante investimento para unha asociación do noso concello”.
Os populares afean que “o goberno local leva arredor de 8 anos dando voltas, buscando culpables e escusas” e a realidade é que “a señora Loureiro e a señora Bermúdez deixan a Viveiro sen este servizo social. Escápaselle unha oportunidade. Viveiro perde servizos, postos de traballo e un importante investimento”.
Gueimunde lembra que “a rexedora socialista non foi capaz de negociar cun Goberno amigo como é o Goberno de España a cesión gratuíta do antigo colexio de Celeiro – propiedade do Instituto Social da Mariña dependente do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións- para o traslado da Escola Oficial de Idiomas (EOI) situada na segunda planta do edificio da rúa Lavandeiras permitindo usar a súa totalidade para habilitar a residencia”. É dicir, “nin o PSOE cre no proxecto de María Loureiro para Viveiro”. De feito, “non existen investimentos do Goberno no noso concello”.
“Dende o Partido Popular levamos moito tempo insistindo na necesidade de contar cun centro residencial destas características e presentando formalmente iniciativas nas distintas administracións co obxectivo de facer realidade a prestación deste servizo en Viveiro”, explica Gueimunde. Pola contra, “o goberno local despreocupouse do tema de Aspanane e tampouco aproveitou a oportunidade cando en xaneiro do 2023 unha modificación normativa facilitaba a cesión de inmobles da Seguridade Social a Concellos e outras administracións de forma gratuíta”.
CRONOLOXÍA
En novembro do 2017, o daquela delegado da Xunta en Lugo -José Manuel Balseiro- mantén unha reunión con representantes da asociación para buscar solucións ao traslado da EOI. Menos de dous meses despois, en xaneiro do 2018, valora co Concello posibles ubicacións. Descartada outras opcións; sinalaban a posibilidade de trasladar a Escola Oficial de Idiomas ao antigo colexio de Celeiro que é propiedade do Instituto Social da Mariña, pero requiriría unha importante reforma.
Máis dun ano despois, en febreiro do 2019, anúnciase un acordo entre a Xunta, a Deputación e o Concello para sufragar a partes iguais as obras de reforma do antigo colexio de Celeiro que ascenderían a 525.000 euros e que suporían 175.000 euros a cada unha das administracións.
En novembro do 2020, o Parlamento de Galicia aprobaba por unanimidade instar ao Goberno central a formalizar a doazón do edificio do antigo colexio á maior brevidade posible. E, á vista de que o Goberno accedía a ceder o edificio pero o que quería era facer caixa a costa desta operación pedindo 770.000 euros, os deputados do PP volveron levar o asunto ao Parlamento.
Tamén o PP no Concello pediu explicacións e presentou iniciativas de forma oficial. De feito en febreiro do 2022 anunciaban a solicitude dun pleno extraordinario para pedir a materializar o acordo perfilado no 2019 polas tres administracións que finalmente “quedou nunha simple comparecencia da alcaldesa nun pleno ordinario porque non o considerou o suficientemente importante para celebrar un pleno extraordinario”.
Tralo anuncio do Concello de Xove en xaneiro do 2023 polo que se comprometía a habilitar unha parcela municipal no prazo de dous meses, “o Partido Popular advertiu, pero o goberno local non reaccionou”. E a finais de febreiro dese mesmo ano o Pleno do Concello de Xove aprobaba a cesión dos terreos.
Paralelamente, o 25 de xaneiro de 2023 o BOE publicaba unha modificación do Real Decreto 1221/1992, de 9 de outubro, sobre o patrimonio da Seguridade Social que permite adscribir bens da súa titularidade -coma o antigo colexio de Celeiro- a outras administracións públicas para o que sería preciso formular unha solicitude identificando o ben e motivando as causas da petición que se presumirán de utilidade pública.
En setembro do 2023, o Ministerio xa cedera máis de 20 inmobles grazas a esta modificación normativa; pero non o edificio do antigo colexio de Celeiro porque “o goberno local non estivo atento a esta oportunidade coa que dar solución ao traslado da EOI de forma que se garantise a permanencia de ambos servizos en Viveiro, o municipio máis poboado da Mariña e o terceiro da provincia”.