O portavoz, Manuel Rouco, afea que “PSOE e BNG non cumpran o prometido en precampaña sobre a posta en funcionamento da radio municipal” e que “o bipartito pleno tras pleno volver demostrar a súa incapacidade para presentar expedientes”
O portavoz, Manuel Rouco, non entende “a teima do bipartito en mentir e disfrazar a realidade”. De feito, cre que “o máis sinxelo sería mostrar ás claras as contas municipais”; pero o bipartito “nuns eidos din unhas cifras e noutros din outras. Dan números sen ton nin son”, que “non concordan coa realidade que tódolos veciños e veciñas puidemos comprobar”. O popular fai referencia ás cifras expostas no último pleno: “a señora Eijo dixo que se gastaran 81.000 euros nas festas cando a realidade é que son máis de 20.000 euros máis”.
Nestes gastos, segundo explican dende o Grupo Popular, “non incluíron os gastos protocolarios, uns gastos que nunca antes se deran nos nosos festexos e que ascenden a algo máis de 2.500 euros. E tampouco contaron outro tipo de gastos coma os referentes ás contías das orquestras para o que non foi suficiente a proposta inicial presentada polo Concello á comisión de festas”.
Rouco explica tamén que “tivemos que pedir ata en tres ocasións a información sobre os gastos derivados das festas de Burela. Dende a súa celebración, eses datos non foron remitidos ata este último pleno ordinario”.
PROMESAS INCUMPRIDAS E ERROS REITERADOS
Os populares sinalan que durante o último pleno tamén se constatou “a palabrería barata” de PSOE e BNG despois de que tódalas forzas políticas nos comprometeramos en precampaña a poñer en funcionamento a radio municipal, pero no pleno socialistas e nacionalistas opuxéronse á iniciativa presentada polo Grupo Municipal Popular.
O voceiro, Manuel Rouco, afea tamén que “pleno tras pleno demostran a incapacidade á hora de presentar os expedientes”. Nesta ocasión, subliñan que “volveron presentar a mesma dación de contas de fai dous meses. Isto pode significar dúas cousas: “que nestes dous meses non firmaron decretos ou que cometeron o erro imperdoable de presentar o mesmo expediente que xa fora ao pleno anterior”. Nese sentido, sinala que “non nos estraña porque levan dende comezos do mandato cometendo erros deste tipo, como temos denunciado dende o Grupo do Partido Popular”.