José Manuel Gómez Puente afirma que “nós nunca defendemos unha suba impositiva, todo o contrario, somos os primeiros que esiximos que o Goberno do Estado ten que eliminar as novas taxas que afectan ao tratamento de residuos”
O voceiro popular, José Manuel Gómez Puente, afirma que tanto BNG como PSOE están a “tentar enganar aos veciños de Barreiros” coas súas declaracións e coa súa forma de terxiversar. “Dende o PP nunca defendemos unha suba impositiva, todo o contrario, pedimos unha baixada das taxas da basura pedindo que o Goberno central suprima as novas taxas e impostos creados recentemente”, expuxo.
Os concelleiros populares explican que é necesario que o Goberno do Estado dea marcha atrás e suprima todos os impostos que gravan a actividade do tratamento de residuos e que recupere a retribución ao investimento da planta termoeléctrica de Sogama, ao que tiña dereito ato o final da súa vida útil (2026).
“Cando o Goberno de Pedro Sánchez retire esas novas cargas impositivas é cando hai que pedir a Sogama que se comprometa a non aplicar a suba prevista para 2025”, explicou José Manuel Gómez Puente.
A realidade é que a través dunha orde ministerial, publicada a mediados de 2023, o Goberno central suprimiu a retribución ao investimento da planta termoeléctrica de Sogama, comprometida ata o ano 2026, momento no que finalizaría a súa vida útil, ademais de recuperar o imposto eléctrico do 7%.
Unha medida aplicada polo Goberno de Pedro Sánchez, pese a que dende o propio Estado e o partido socialista escúdanse en que se trata dunha Directiva europea, “pero non é menos curioso que a maioría de países europeos non instauraron estes tributos”.
Ante esta situación, José Manuel Gómez Puente esixe tanto a BNG como a PSOE que “deixen de mentir, que pidan desculpas por tentar enganar aos veciños de Barreiros e que digan a verdade xa que a suba impositiva vén derivada das novas cargas aprobadas polo Goberno de Pedro Sánchez”.