Os deputados populares recordan que “levamos todo o mandato” realizando xuntanzas cos lucenses dos 67 concellos lucenses e “coas súas reclamacións, así como as que nos transmitiron os alcaldes e voceiros do PP” elaboramos o documento con 50 actuacións baseadas en 13 eixes que hoxe defendemos no pleno
Lugo, 29 de outubro de 2024. Os deputados do Grupo Provincial Popular amosaron a súa “decepción” ao ver como PSOE e BNG votaron en contra de “ter en conta” a batería de 50 propostas que hoxe se defenderon no pleno para que o goberno provincial as tivese en conta na elaboración dos orzamentos da Deputación para o vindeiro ano.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, lamenta “a falta de altura institucional e de gañas de escoitar” de PSOE e BNG. “Non queren escoitar, ese é o gran problema que ten este goberno provincial, que non escoita porque teñen medo de que escoitar cousas que non queren”, lamentou, ao que engadiu que “o guante que tendemos no pleno segue vixente e estamos dispostos a sentarnos a falar sobre os orzamentos da provincia para o vindeiro ano”.
Esta proposta lanzada no pleno por Antonio Ameijide no pleno ten como fin un dobre obxectivo “conseguir que a igualdade para todos os veciños da provincia, independentemente de onde vivan, e que a Deputación de Lugo volva a ser o motor da provincia e non o lastre que é con PSOE e BNG á fronte”.
RESUMO DAS PRINCIPAIS PROPOSTAS PRESENTADAS POLO PP
Estradas provinciais
Elaborar e desenvolver un plan de conservación, mantemento e mellora das vías provinciais que inclúa o ensanche das plataformas e que contemple a renovación do firme, a sinalización vertical e horizontal, así como a instalación dos elementos de seguridade necesarios, dando preferencia a aquelas estradas nas que hai máis tempo que non se actúa ou aquelas nas que sexa necesario por razóns urxentes de seguridade.
Algo para o que é imprescindible duplicar o orzamento destinado ás estradas provinciais, aumentándoo en 10 millóns de euros.
Reforzar o desbroce de maleza nas marxes das estradas provinciais e elaborar un plan de limpeza periódica das cunetas das estradas de titularidade provincial.
Cooperación cos concellos
Incrementar a achega provincial ao Plan Deputación en 10 millóns de euros, chegando aos 32M€, así como incluír nas bases da vindeira anualidade a posibilidade de solicitar a aplicación de parte da achega provincial ao Plan Deputación a gastos correntes dos Concellos de xeito que cada municipio poida destinar unha porcentaxe desta achega ao financiamento dos seus gastos correntes devengados durante o exercicio polos bens e servizos de competencia municipal obrigatorios.
Manter reunións cos alcaldes de tódolos Concellos da provincia. É fundamental recibir aos máximos representantes dos 67 Concellos da provincia para recoller propostas e necesidades para cumprir coas obrigas e competencias provinciais.
Elaborar e aprobar un Plan anual de posta a disposición do Parque Móbil Provincial para todos os municipios da provincia que teñan unha poboación inferior aos 20.000 habitantes, un plan baseado en criterios obxectivos, de igualdade e transparencia, de maneira que á hora de programar a súa disposición ou traballo teñan preferencia aqueles municipios nos que este non actuara ao longo dos dous últimos mandatos ou ben sexa necesario por razóns urxentes de seguridade debidamente xustificadas.
Estudar a posibilidade de liderar dende a institución provincial a licitación da contratación para a prestación conxunta do servizo de recollida, traslado e tratamento de residuos, así como prestar asesoramento técnico e xurídico aos concellos nesta materia e colaborar nas campañas municipais de sensibilización ambiental dirixidas ao fomento da separación e do sistema de recollida selectiva de residuos sólidos urbanos.
Poñer en marcha unha liña de axudas para os Concellos destinada á supresión de barreiras arquitectónicas nas casas consistoriais, centros e instalacións municipais.
Ciclo da auga
Abastecemento e saneamento da auga. A Deputación Provincial de Lugo debe asumir as competencias que a normativa vixente establece nesta materia e colaborar activamente cos concellos na xestión do ciclo auga, prestando asesoramento técnico e legal aos concellos para a tramitación de proxectos, autorizacións, estudos, preparación de solicitudes de axudas vinculadas ao ciclo da auga; liderar e impulsar a presentación de candidaturas comúns ás convocatorias de axudas para financiar con fondos europeos ou estatais proxectos e iniciativas para a mellora do ciclo da auga; e aprobando unha liña de axudas provincial para colaborar no financiamento de obras municipais necesarias para garantir o abastecemento de auga potable así como o saneamento na provincia.
Cultura
Implicación da Deputación na posta en valor e na difusión das diferentes rutas do Camiño de Santiago, ademais de desenvolver actuacións nas estradas provinciais polas que discorren as diferentes rutas do Camiño de Santiago para garantir a seguridade, que poden pasar pola construción de sendas paralelas naquelas vías provinciais onde non existan ou a eliminación dos puntos detectados como perigosos.
Actuacións de impulso na Vía XIX do itinerario de Antonino ao seu paso pola provincia de Lugo, como a limpeza, sinalización e difusión do tramo desta vía que une Lugo co límite coa provincia de León e que transcorre ao longo dos concellos de Lugo, O Corgo, Castroverde, Baralla, Becerreá e Cervantes.
Posta en valor da Vía Künig que discorre a través dos municipios de Pedrafita do Cebreiro, As Nogais, Becerreá, Baralla, O Corgo e Lugo, onde enlaza co Camiño Primitivo ata Santiago de Compostela.
Deseño e posta en marcha de medidas para a difusión dos museos provinciais e das súas coleccións e recursos (Museo Provincial, Museo-Pazo de Tor, Museo-Fortaleza de San Paio de Narla e Museo Provincial do Mar), do Centro de Artesanía e Deseño e demais espazos museísticos; así como elaborar un estudo para a posible inclusión do Museo de Prehistoria e Arquoloxía de Vilalba na rede provincial.
Turismo
Elaborar un Plan Estratéxico de Turismo da provincia que teña en conta as necesidades e peticións das asociacións, entidades e empresas que participan na actividade turística da provincia e que forman parte do Consello Provincial de Turismo, así como a desestacionalización do turismo co obxectivo de diversificar a oferta turística e activar a economía da provincia durante todo o ano.
Apoio e colaboración de xeito decidido da Deputación de Lugo para impulsar a candidatura de Ribeira Sacra para que consiga no 2026 o recoñecemento pola Unesco como Patrimonio Mundial.
Realizar as xestións oportunas para a recuperación e posta en marcha das instalacións de Augasmestas, construídas en 1996 no concello de Quiroga.
Impulsar a construción e continuación da LU-P-4206 para conectar os concellos de Paradela e O Saviñao cunha vía turística e de conexión territorial que percorra a beira do río Miño poñendo en valor a zona e, polo tanto, constituíndo un atractivo turístico máis da Ribeira Sacra.
Benestar social
Incluír unha partida orzamentaria específica para poñer en funcionamento os centros de día localizados nos Centros de Atención ás Persoas Maiores de Trabada, Pol, Castroverde, Meira, Pedrafita do Cebreiro, As Nogais, Ribadeo, A Fonsagrada e Ribas do Sil, e para garantir a correcta prestación do servizo nos mesmos.
Apertura inminente do centro de día e residencial comarcal en Becerreá, con partidas orzamentarias específicas para contratar o mobiliario e materiais para equipar o inmoble construído e contratar o persoal necesario para asegurar a prestación do servizo.
Axilizar e finalizar as obras de construción (en execución) dos centros de atención ás persoas maiores e centros de día nos concellos de Guitiriz, A Pontenova e A Pobra de Brollón.
Iniciar as obras de construción dos centros de atención ás persoas maiores e centros de día nos concellos de Folgoso do Courel e Portomarín.
Redacción dos proxectos de construción dos centros de atención ás persoas maiores e centros de día (comprometidos) nos concellos de Ourol, Pantón e O Saviñao.
Medio Ambiente
Creación de tres centros de acollida de animais abandonados (un na zona norte, outro no centro e un terceiro no sur da provincia), xa que os municipios non teñen nin a capacidade económica nin de persoal para asumir todas as competencias que se establecen na lei estatal de protección dos dereitos e o benestar dos animais.
Mantemento axeitado das zonas verdes.
Sector primario
Apoiar ao sector agroalimentario, agrícola, gandeiro e pesqueiro da provincia ante a situación que atravesa coa aprobación dun plan provincial que conte con tres liñas de axuda:
Para mellorar a formación dos emprendedores e traballadores e tamén para facer fronte aos gastos xerais de cotas por cotizacións dos profesionais das explotacións agrogandeiras, forestais e do sector do mar e incentivar a contratación de traballadores, contribuír a sufragar os custes de arrendamentos de bens inmobles onde se desenvolva a actividade económica, ou os gastos de produción, alimentos, pensos ou os propios da actividade pesqueira.
Para afrontar gastos derivados da dixitalización, adquisición e modernización de maquinaria, ferramentas, equipos e instalacións.
Para gastos correntes e investimentos que subscriban mozos e mozas que se incorporen á actividade, potenciando o emprendemento e fomentando o relevo xeracional.
Posta a disposición dos terreos propiedade da Deputación de Lugo para usos agrarios como, por exemplo, as parcelas adscritas ao Pazo de Tor.
Sendo conscientes do sector da madeira para a provincia, tamén cómpre que o ente provincial se implique no asesoramento e acompañamento legal, estudando a posibilidade de establecer un réxime para a posta a disposición dos Concellos do parque móbil provincial.
Emprego
Fomentar o emprendemento e o emprego local cun programa de axudas que promovan a iniciativa emprendedora e o desenvolvemento empresarial nas zonas menos poboadas da provincia para contribuír á dinamización económica e á creación de postos de traballo nos municipios de menor poboación.
Solo industrial
Poñer en marcha un plan de impulso dos polígonos industriais de titularidade provincial con campañas de captación de investimentos, buscando empresas e emprendedores para o seu asentamento nestas áreas; o estudo de posibles bonificacións do prezo ou outros incentivos para a venda de parcelas existentes; así como construír os polígonos industriais comprometidos pola institución provincial nos diferentes concellos da provincia.
Deportes
Reserva dunha partida para a conservación das instalacións deportivas provinciais coma o Pazo dos Deportes, a Escola de Piragüismo e as distintas instalacións fluviais da provincia, entre outros.
Mellorar e axilizar a tramitación de axudas a deportistas, clubs e asociacións deportivas da provincia.
Xuventude
Plan Provincial de xuventude de apoio a todos os municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia para o deseño, desenvolvemento e execución das súas respectivas políticas locais de xuventude.