Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP denuncia que aínda non se resolveron as axudas convocadas pola Deputación en abril a asociacións culturais, ingresos “fundamentais” para o día a día destas entidades

Antonio Ameijide pide “unha reformulación” das bases de cara á convocatoria de 2025, así como que se publiquen as mesmas a comezos de ano e se resolvan con maior axilidade: “tanto PSOE como BNG presumen de iniciar o ano cos orzamentos en vigor, logo por que non convocan as axudas en xaneiro?”

Lugo, 1 de outubro de 2024. O portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, denuncia que “xa van cinco meses” dende que o goberno provincial convocou as subvencións de concorrencia competitiva de cultura para o ano 2024 o que evidencia “a mala xestión do BNG á fronte desta área”: “agora non so chegan tarde, senón que seguen sen resolver”.

Antonio Ameijide lamenta “que se manteña a dinámica de anos anteriores” cando tamén se convocaron as axudas no mes de abril e non se resolveron ata finais de novembro. “Non poden apurar tanto os prazos porque o prazo de execución das axudas remata o 31 de decembro”, sinalou, ao que engade que “esta forma de traballar do BNG o que fai é que ter en vilo ás asociacións porque no saben cos fondos cos que poden contar”.

A realidade é que as asociacións non disporán practicamente de tempo para organizar, celebrar e pagar para xustificar as actividades, mentres que “haberá outras que se arrisquen a adiantar o fondos sen saber se dispoñen da axuda coa que contribuír a financiar as súas actividades”.

Dende o Grupo Provincial Popular propoñen ao goberno provincial que se aproben con maior antelación as bases para poder publicar as axudas e que o tecido asociativo solicite as mesmas. “Tanto PSOE como BNG presumen de ter os orzamentos en tempo e forma, polo que non sabemos por que non se aproban as bases con maior antelación para que as asociacións dispoñan de maior tempo”, preguntou.

A forma de traballar do BNG á fronte de Cultura provoca que as bases se publiquen tarde, polo que tamén se tarda en resolver o que provoca que haxa renuncias e perdas das axudas como consecuencia dos atrasos.

Por exemplo, na xunta de goberno provincial do pasado venres (27 de setembro) aprobouse a renuncia a unha das subvencións destinadas a entidades asociativas culturais da provincia de Lugo en concorrencia competitiva para a realización de investimentos en instalacións de carácter cultural e para equipamentos culturais, ano 2023, unha axuda por valor de 1.068,00€.

Do mesmo xeito, houbo ata 15 entidades que perderon o dereito ao cobro das subvencións concedidas polo procedemento de concorrencia competitiva destinadas a entidades asociativas culturais da provincia de Lugo, para a realización de actividades de interese cultural na anualidade 2023, tal e como aprobaron na xunta de goberno provincial do 15 de decembro de 2023.

Por este motivo, dende o Grupo Provincial Popular piden ao goberno provincial “reformular” as bases e a convocatoria para evitar este tipo de situacións e, sobre todo, “que as entidades dispoñan de maior tempo para dispoñer dos fondos, fundamentais para desenvolver as súas actividades”.

Exit mobile version