Os veciños e veciñas de Pénjamo trasladáronlles a súa “desesperación” porque a zona se está a converter nun vertedoiro
Viveiro, 30 de outubro de 2024. O PP de Viveiro urxe ao goberno local a cumprir a palabra dada no pleno de febreiro para “retirar de inmediato” os restos acumulados na zona das Nogueiras, como prometía a tenente de alcaldesa.
Os populares xa advertían ao goberno local -a través dun rogo no pleno da corporación local- naquel momento ante as queixas dos veciños e veciñas do barrio do Pénjamo de que este espazo natural “con valor medioambiental e turístico se estaba convertendo nun vertedoiro” debido á acumulación de ramas, árbores e outros restos orgánicos e inorgánicos que ofrecían unha imaxe de “abandono”.
A señora Bermúdez recoñecía que non fora “a mellor decisión” levar alí a biomasa das podas porque chama a depositar outros restos e sinalaba que cando estiveran rematadas as melloras no punto limpo que inclúe unha zona para a xestión da biomasa cunha biotrituradora, ese espazo deixaría de ser punto de acopio.
“O Concello xa dispón de tractor, brazo desbrozador, biotrituradora… pero As Nogueiras, case 9 meses despois, seguen igual e os veciños desesperados” ante a acumulación de enseres, restos de poda -algúns aínda nas propias bolsas de lixo- aos que se suman pneumáticos ou outros residuos metálicos como potas ou pezas de motores”, segundo explica a portavoz, Mariña Gueimunde.
A popular engade tamén que “estes enseres serven, nalgúns casos, de gateira aos felinos que rondan este espacio verde. A comida estrada polo chan fai, ademais, efecto chamada a roedores e outros animais. Unha mala imaxe que rompe a estética do entorno”.
Así, considera que “esta zona que debería ser un espazo natural debidamente coidado, estase a converter nun vertedoiro pola falta de xestión e un mínimo interese por parte da responsable da Área de Medio Ambiente”.
LIMPEZA DO RÍO
Do meso xeito, os concelleiros do PP de Viveiro esíxenlle á señora Bermúdez que “limpe o río que pasa polas Nogueiras antes de que as choivas provoquen unha crecida e o desbordamento das augas”.