Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro insiste nas melloras no cemiterio municipal

Os populares piden a mellora de infraestruturas (accesos, beirarrúas e aparcamento) e servizos (limpeza e adecuación do cemiterio e cubrir a praza de persoal municipal con estas funcións)

Viveiro, 28 de outubro de 2024. O PP de Viveiro trasladaba fai un ano ao goberno local no pleno do 8 de novembro a necesidade de atender e investir no cemiterio municipal de Altamira recordando as suxestións dos diferentes grupos sobre as melloras en infraestruturas e servizos incluíndo o deseño de mellores accesos, a creación de beirarrúas e a ampliación das zonas de aparcamento. E á vista de que un despois a situación seguía sen resolverse, a portavoz rexistraba a última hora do domingo 27 de outubro unha nova iniciativa para impulsar a rehabilitación, conservación, acceso e servizos do cemiterio municipal.

O Grupo Popular propón que o goberno local xestione coa Deputación un convenio de colaboración para a mellora da seguridade no entorno e dos accesos á estrada da súa titularidade, reservar unha partida nos orzamentos do 2025 para adecentar as infraestruturas e servizos no cemiterio municipal e solucionar definitivamente a praza de persoal destinado ao cemiterio.

A portavoz, Mariña Gueimunde, explica que “non se cumpriron os acordos adoptados no pleno do 11 de decembro de 2019 por unanimidade para habilitar ou, de ser necesario, adquirir espazos públicos para o aparcadoiro de vehículos nas inmediacións do camposanto municipal e mellorar os accesos para persoas con mobilidade reducida”.

Tampouco se selou o peche perimetral; xa que “o muro lateral de cara ao monte San Roque leva 20 anos esperando unha solución”. E “entendemos que tampouco se deseñou un plan de mellora nas instalacións interiores e nas inmediacións”.

A popular explica que, “a sabendas de que a estrada que percorre Antonio Bas e ascende cara a San Roque pasando polo cemiterio é competencia da Deputación de Lugo, cremos conveniente requirir á institución provincial que participe nun posible proxecto de mellora no entorno do cemiterio liderado polos técnicos municipais”.

Con todo, incide en que “o recinto interior do camposanto e o muro que o circunda é competencia única e exclusivamente do Concello polo que o mantemento e mellora do pavimento nas súas rúas, a aposta pola accesibilidade e a reconstrución do muro lateral debe ser xestionado polo goberno municipal”.

PRAZA PARA PERSOAL DE MANTEMENTO

O Concello de Viveiro proclamaba en abril do 2018 que se cubriría a praza de persoal municipal encargado do mantemento, garda e custodia e traballos derivados das accións propias do cemiterio. E en setembro do 2019, a preguntas do Partido Popular, “a alcaldesa recoñecía que sería necesario incluíla na RPT, pero a día de hoxe descoñecemos se existe intención de cubrir esta praza”.

Exit mobile version