Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro denuncia “o abandono do concello ante a presenza de ratas nas palmeiras do paseo de Covas”

Os populares condenan esta situación “antihixiénica” que é “consecuencia de non facer as cousas cando se teñen que facer”

Viveiro, 22 de outubro de 2024. O PP de Viveiro volve denunciar “o abandono do concello por parte do goberno bipartito” e “a desidia á hora de realizar labores de limpeza con periodicidade anual nin no rural nin no casco urbano” á vista dun novo exemplo: “a presenza de ratas nas palmeiras do paseo marítimo de Covas”.

A portavoz, Mariña Gueimunde, considera que esta situación non só ofrece mala imaxe, senón que é “antihixiénico”. Así mesmo, incide en que é “consecuencia de non facer as cousas cando se teñen que facer”. De feito, sinala que “os traballos de poda das palmeiras levan meses sen facer, tampouco se realizan labores de limpeza nin roza polo que a zona de vexetación alcanza xa 2 metros de ancho”. Isto “favorece a presenza de ratas no paseo marítimo, no entorno do parque Pernas Peón, dun parque infantil que empregan nenos e nenas e da propia praia”.

Gueimunde condena “o deterioro no coidado do noso entorno” e, o que é peor aínda, “que a súa resposta a esta problemática sexa a colocación de vallas”.

Así mesmo, critica “o modelo de xestión do bipartito que prefire gastar o diñeiro que recibe en subvencións en tirar un muro”. Nese sentido, lembra que no entorno do parque Pernas Peón o goberno local mantén descoidado o edificio municipal e non se preocupa por reparar o pavimento da avenida Luis Cebreiro ao longo da zona axardinada de todo o paseo de Covas.

Exit mobile version