Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Vilalba insta ao goberno local a “iniciar o estudo para a ampliación do polígono industrial”

Os populares consideran que “é necesario solo industrial para asentar novas empresas ou ampliar as existentes”

Vilalba, 30 de outubro de 2024. Os concelleiros do PP de Vilalba propoñen que o Concello inicie un estudo para unha nova fase de solo industrial para o polígono Sete Pontes. Os populares defenderán esta iniciativa no vindeiro pleno municipal ante “a carencia de solo industrial no noso municipio”.

A proposta do Grupo Municipal Popular diríxese a estudar a ordenación e planificación de novo solo industrial para poder levar a cabo unha nova ampliación co fin de asentar novas empresas ou ampliar as existentes. Tamén instan ao Concello a “buscar liñas de financiamento para esta expansión coas diferentes administracións públicas” coma o propio Concello, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia ou o Goberno de España.

Así mesmo, queren que o goberno local explique en que estado se atopan as últimas adxudicacións de parcelas do polígono industrial.

Os concelleiros tamén piden ao goberno local que corrixa os desperfectos nos parques infantís, algúns deles abandonados e outros con importantes danos ou desperfectos “por falta de mantemento por parte do Concello”.

Tamén advirten dende o PP que o goberno local non atende debidamente a limpeza de embornais e sistemas de recollida de auga e rede de sumidoiros municipal que, nalgúns casos, se atopan “saturados de follas e outros residuos”. Nese sentido, piden que “se limpen os embornais e os sistemas de drenaxe” para “garantir a seguridade nas rúas”; xa que “se non recollen a auga, formaranse charcos e zonas húmidas que poden ser esvaradías”.

Entre outros asuntos, os populares vilalbeses interesaranse no pleno ordinario deste xoves polo “plan piloto” da praza de Santa María que “se está estendendo no tempo por máis dun ano e medio”, pola solución que pretende dar o Concello ao aparcamento de camións e canto vai supoñer para as arcas municipais o cambio de sentido da rúa da Pravia que o goberno local anunciou para o mes de novembro.

Exit mobile version