Os populares piden á alcaldesa e ao voceiro que “analicen con seriedade a información que transmiten” e que a “proben con feitos e documentos”
Os populares lembran que “unha forma moi sinxela de demostrar quen di a verdade sería aceptar, dunha vez por todas, algo que xa solicitamos en varias ocasións: a gravación dos plenos municipais. Isto permitiría que os veciños puidesen ver e escoitar as realidades por eles mesmos”.
Pero, “todo parece indicar que ao goberno local non lles interesa que os veciños saiban o que se di nos plenos. Tal e como dixo o seu portavoz: o que queira saber de que van os plenos pode vir a eles. Queda clara a total falta de vontade do goberno local por facilitar aos veciños e veciñas que coñezan os asuntos do seu interese que se abordan nos plenos municipais”.
Os populares inciden en que “existe unha opción que xa está implementada na maioría dos concellos: a retransmisión en directo das sesións plenarias e a súa gravación para que calquera veciño interesado poida visualizar en calquera momento os asuntos tratados nos plenos”.
Os concelleiros do PP de Lourenzá esixen á alcaldesa e aos membros do goberno local que “non traten de desviar a atención respecto de asuntos que ten a responsabilidade de resolver”. No caso do transporte para a educación non regrada –porque o transporte da educación obrigatorio é competencia da Xunta e xa o está a cumprir-, “foi o propio goberno local o que se comprometeu a financiar en anos anteriores. Agora os pais teñen que asumir integramente o seu custe mentres a alcaldesa di que vai mirar o tema”.
En relación ás pistas forestais, lembramos que “a vostedes parece non preocuparlles este asunto, como xa vemos dende fai anos. Pero a realidade é que os veciños están preocupados e seguimos pensando que o abandono destas infraestruturas é alarmante; toda vez que de producirse algún incendio, os vehículos de emerxencia non poderían acceder por algunhas pistas por estar en limpar”.
Os concelleiros do PP afean que “aínda por riba, o goberno local teña a desfachatez de xustificar a súa decisión de non solicitar a brigada contra incendios, financiada pola Xunta, non limpa pistas municipais e forestais; cando todos sabemos que, noutros concellos, estas brigadas están a realizar desbroces onde é necesario”.
Os populares cren que “o goberno local non está a priorizar o benestar dos veciños nin a xestión eficaz dos recursos do Concello”.