Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela convida ao goberno local a facer públicas as contas desglosando o gasto do Concello nas últimas festas patronais

Os populares inciden en que “a concelleira deu no pleno cifras que apenas suman 63.000 euros cando ela mesma di que son 81.000 euros e, aínda así, tampouco é certo porque faltan máis gastos por contabilizar”

Burela, 10 de outubro de 2024. Os concelleiros do PP de Burela convidan ao goberno bipartito a “facer públicas as contas das festas patronais desglosando os gastos para comprobar se están tódolos gastos que realmente se fixeron por parte do Concello”.

Os populares explican que “no pleno a concelleira de Economía, Patricia Eijo, deu unha serie de cifras no pleno que sumadas dan uns 63.000 euros; cando dixo que había 81.000 euros de gasto”. Co desglose punto por punto, “poderemos comprobar se coincide cos datos explicados no pleno”.

“A concelleira di que foi clara no pleno, pero calquera pode facer as contas e comprobar que as cifras que relatou apenas suman 63.000 euros. Hai, polo tanto, unha diferencia de 18.000 euros con respecto ao que din que gastaron”, expoñen.

“E aínda así non é certo tampouco porque se gastou máis” á vista das contías que o Concello aportou á comisión de festas e ás que tiveron acceso os membros do Grupo Municipal Popular. Nese sentido, aseguran que “están falseando as contas. Non entendemos por qué o goberno bipartito continúa mentindo e burlándose dos veciños e veciñas de Burela”.

TRABALLO RIGOROSO

O portavoz, Manuel Rouco, explica que “unha vez máis queda retratada unha concelleira da que esperabamos bastante máis”. O popular engade que “calquera que siga a nosa actividade nos plenos ou a través das redes sociais sabe quen comproba as cousas e quen só di mentiras”.

O portavoz avanza que “se o goberno bipartito non aporta eses datos, terao que facer o Grupo do Partido Popular para que os veciños e veciñas comproben que o único que fai este goberno local é mentirlles”.

Con respecto ás facturas, os populares xa teñen advertido de facturas e expedientes que leva o goberno local a pleno estando incompletas: sen que figure nin a contía nin a quen vai dirixida. Ou decretos que asina a alcaldesa de gastos nos que non figura tampouco nin o nome nin o CIF da persoa ou empresa beneficiaria.

Exit mobile version