Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP constata a “enorme necesidade” de que a Deputación cumpra coa súa obriga legal e dea apoio aos concellos na recollida de animais abandonados

No documento que se elaborará coas achegas que realicen os representantes do PP de todos os concellos se incluirá a necesidade de que a Deputación colabore cos concellos na recollida de animais abandonados coa creación, polo menos, de tres centros de acollida, un na zona norte, outro no centro e un terceiro no sur de da provincia

Lugo, 8 de outubro de 2024. Os deputados do Grupo Provincial Popular comezaron na zona sur da provincia as xuntanzas con alcaldes e portavoces do PP nos diferentes municipios, “o único xeito de coñecer as necesidades dos lucenses, falar coas persoas que están con eles no día a día e saben todas as dificultades que teñen que afrontar”.

Nesta primeira xuntanza, ademais dos deputados Antonio Ameijide, Luis Fernández e Héctor Corujo, estiveron presentes, e aportaron achegas, representantes de Monforte de Lemos, Bóveda, Folgoso do Courel, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao, Antas de Ulla, Carballedo, Chantada e Taboada.

Unha xuntanza na que quedou patente a necesidade de que a Deputación cumpra coas súas obrigas segundo a Lei 7/2023, do 28 de marzo, de protección dos dereitos e o benestar dos animais, e colabora cos concellos na recollida dos animais abandonados xa que os municipios “non teñen nin a capacidade económica nin de persoal para asumir todas as competencias que se establecen nesta lei que entrou en vigor o 29 de setembro de 2023”.

Antonio Ameijide explica que nesta primeira xuntanza todos os representantes dos concellos coincidiron en sinalar que “practicamente en todos os casos estas competencias son imposibles de asumir para pequenas poboacións xa que non teñen nin medios técnicos nin económicos suficientes”.

Unha situación ante a que hai unha realidade clara: “o goberno provincial de PSOE e BNG non colaborou con ningún concello da provincia neste eido”.

Deste xeito, no documento que se elaborará con todas as propostas recollidas nas diferentes xuntanzas pedirase que a Deputación se implique na recollida dos animais abandonados. “Primeiro, porque esta lei así o establece e, segundo, porque é unha obriga da Deputación colaborar cos municipios”, explicou.

Deste xeito, pedirase a creación de centros de acollida en toda a provincia, polo menos un centro para a zona norte, outro para o centro e outro no sur, para así colaborar con todos os concellos da provincia, independentemente da zona na que se atopen.

SITUACIÓN DAS ESTRADAS PROVINCIAIS

O nefasto estado de mantemento das estradas provinciais foi outra das reclamacións comúns dos representantes dos diferentes concellos que cualificaron de “perigosas” estas vías de comunicación que teñen que vertebrar a comunicación entre os municipios.

Antonio Ameijide recorda como a rede viaria provincial “é a máis extensa de España e é unha realidade grazas a gobernos do PP á fronte da Deputación que a crearon con moitos menos medios dos que dispoñen PSOE e BNG para o seu mantemento”.

Ameijide indicou que se incluirá esta reivindicación no documento que se elaborará xa que “o mantemento da rede viaria é fundamental porque garantir a seguridade de todos os usuarios destas vías é prioritario”.

Neste senso, o voceiro popular recordou que hai que realizar o mantemento do firme, colocar todos os elementos de seguridade necesarios ademais de realizar os desbroces que “en pleno mes de outubro hai concellos nos que aínda non se rozou nin un quilómetro de estradas”.

Exit mobile version