Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP afirma que un informe xurídico do Concello de Foz avala o seu recurso e confirma que “Cajoto incumpriu a legalidade no pleno extraordinario do 15 de xullo para adxudicar a Residencia de Maiores”

“É moi grave que o señor alcalde incumpra un regulamento porque non lle era favorable e debería pedir perdón, sobre todo, aos familiares dos usuarios da residencia presentes naquel pleno fallido”, opina o voceiro popular

Foz, 22 de outubro de 2024. O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Foz, Javier Castiñeira, móstrase satisfeito ante o informe xurídico do Concello que avala o recurso do PP e confirma que Cajoto incumpriu a legalidade no pleno extraordinario do 15 de xullo para adxudicar a Residencia de Maiores. Hai que lembrar que nesa sesión plenaria o rexedor focense non deixou nin que se votara a emenda presentada polo Partido Popular na que se pedía que se deixara o asunto enriba da mesa infrinxindo, deste xeito, un artigo do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, polo que o alcalde tiña que ter deixado votar a emenda dos populares e por motivos propios, partidistas ou externos non quixo facelo a pesar das advertencias de Castiñeira.

O equipo de goberno terá que levar ao próximo pleno a revogación ou anulación do acordo adoptado no pleno extraordinario de xullo pola tozudez do señor Cajoto e a mala xestión do expediente da residencia que está a traer incertidume aos usuarios, graves danos ás arcas municipais e impagos á actual concesionaria.

“É moi grave que o señor alcalde incumpra un regulamento porque non lle era favorable e debería pedir perdón, non so aos concelleiros do PP e do BNG que viron suplantados os seus dereitos, senón tamén, sobre todo, aos familiares dos usuarios da residencia presentes naquel pleno fallido”, opina o voceiro popular.

“Desde o Partido Popular de Foz volvemos a pedirlle a Cajoto e aos seus concelleiros que volvan á senda da razón, que traballen nunha nova ordenanza de axudas ao servizo da Residencia de Maiores e que saquen un novo contrato adaptado ás verdadeiras necesidades do servizo como levamos pedíndolle desde o 2022”, finaliza Javier Castiñeira.

Exit mobile version