Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP abordará as necesidades dos 67 concellos da provincia para incorporalos aos orzamentos da Deputación do vindeiro ano

Os deputados populares inician unha rolda de contactos para abordar cos alcaldes e voceiros do PP de todos os municipios da provincia as necesidades existentes en cada un para redactar un documento que recolla todas as propostas e solicitar a súa incorporación ao presuposto provincial para 2025

Lugo, 7 de outubro de 2024. Os deputados do Grupo Provincial Popular abordarán, nunha serie de xuntanzas por toda a provincia, os problemas existentes nos 67 concellos da provincia para, xunto aos alcaldes e voceiros do PP nos diferentes municipios, detectar as necesidades de cada localidade e solicitar a súa incorporación aos orzamentos provinciais do vindeiro ano para que se solucionen.

O voceiro provincial, Antonio Ameijide, explica que “unicamente apoiándonos nos representantes que temos en cada municipio podemos chegar a coñecer todas as necesidades que dependen da Deputación.

“Eles, ao estar en contacto directo e diarios cos seus veciños, son os mellores coñecedores dos debes da Deputación en cada municipio, polo que sentarnos a escoitalos é o único camiño para poder corrixir todas estas deficiencias”, explicou.

Unha vez rematada a escoita aos representantes dos 67 municipios, dende o Grupo Provincial Popular realizarase un documento no que se recollan todas as peticións e necesidades para trasladalo ao goberno provincial de PSOE e BNG e que o teñan en conta de cara a incorporalo aos orzamentos da Deputación de 2025.

Antonio Ameijide explica que “esta é outra mostra máis” da permanente escoita activa da sociedade lucense, “o único camiño para coñecer as súas inquedanzas, dificultades e necesidades”, algo que “tralo visto nos últimos meses non realizan nin PSOE nin BNG dende o goberno provincial”.

Exit mobile version