Site icon Crónica3.com A Mariña

O pleno da Deputación urxe á Xunta un cambio de rumbo nas políticas linguisticas para salvar o galego, a proposta do BNG

A formacion nacionalista tamén sacou adiante unha moción que esixe compromisos orzamentarios para garantir a atención ás vítimas de violencia machista

Lugo, 29 de outubro de 2024. O pleno da Deputación de Lugo aprobou cos votos de BNG e PSdeG unha proposta do goberno provincial en defensa da lingua galega que urxe un cambio de rumbo nas políticas lingüísticas para frear o retroceso no uso do galego, especialmente entre as xeracións máis novas, que constata o último informe do Instituto Galego de Estatística sobre coñecemento e uso do idioma.

A proposta reclama á Xunta de Galiza derrogar o decreto do plurilingüismo que minoriza a presenza do galego no ensino, asegurar o pleno dereito de uso do galego na relación coas administracións e os servizos públicos, así como nos ámbitos culturais e de lecer recuperando o papel normalizador da TVG ou garantindo a presenza de galego en contidos audiovisuais e dixitais, entre outras medidas.

A deputada Iria Castro criticou a falta de autocrítica e a inacción da Xunta de Galiza , que se escuda na “liberdade de uso” para aplicar políticas que están a levar ao galego a mínimos de uso e coñecemento. “Non hai liberdade se as dúas linguas non están nas mesmas condicións”, concluíu a deputada, tras expoñer as situacións de minorización do galego no ensino ao quedar relegado nas materiais científicas, na cultura e no lecer por falta de contidos en galego, ou na administración.

A propsota tamén expresa o apoio do goberno provincial á convocatoria de mobilización pola lingua da Plataforma Queremos Galego para o 17 de novembro en Compostela.

O BNG demanda á Xunta compromisos económicos que garantan a atención ás vítimas da violencia machista

O BNG tamén sacou adiante unha moción para reclamar á Xunta de Galiza compromisos económicos e orzamentarios para garantir a atención ás vítimas da violencia machista.

Coincidindo coa tramitación no Parlamento dos Orzamentos para 2025, o BNG demanda ao goberno galego unha partida singularizada para dotar o servizo de atención primaria dos recursos e persoal necesario para prestar asistencia psicolóxica ás vítimas de violencia machista e un incremento da partida destinada ao Centros de Información á Muller, que cubra a ampliación desta rede de centros na provincia de Lugo.

Ademais, a moción urxe á Xunta de Galiza a rectificar a decisión de privatizar os futuros centros de crise 24 horas para a atención de mulleres vítimas de violencia sexual, cuxa apertura se anunciou para o último trimestre do ano e que, no caso de Lugo, se ubicará no Hula.

Iria Castro advertiu que a privatización destes centros suporá unha precarizarizacion da atención ás vítimas e dos postos de traballo. “Se é negocio para alguén, non é un servizo”, concluíu a deputada nacionalista na exposición da proposta, que saiu adiante cos votos do PSdG.

Exit mobile version