Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pescados Rubén Burela vence con autoridade o derbi provincial ante un combativo Castro (4-0)

O cadro mariñao, no que destacou Antía Pérez cun dobrete, tardou en sentenciar o encontro pola súa falta de pegada na primeira media hora

Burela, 12 de outubro, 2024. O conxunto feminino do Pescados Rubén Burela continúa co seu bo comezo na liga Iberdrola e este venres levaba o derbi lugués ante o Castro Bloques Cando (4-0) nun partido no que tardaron en sentenciar as discípulas de Julio Delgado pola súa falta de eficacia na primeira media hora de xogo.

O conxunto burelista adiantouse moi rápido, cando se acababa de cumprir o primeiro minuto de xogo, nun balón en longo de Cami que deixaba a Antía Pérez soa ante Area. A futbolista de Laza recortaba moi ben á meta chairega e marcaba a pracer. A pesar do tanto, o cadro laranxa mantivo a súa presión sobre a meta local e no minuto 6 era Emilly a que estaba a piques de subir o segundo, pero o seu remate, tras unha gran paralela de Patricia, íase ao pau.

Xusto no ecuador do primeiro tempo tiña a súa mellor oportunidade o conxunto visitante. Dany perdía un balón e este quedáballe a Jenny perfecto para rematar sobre a meta de Ana Eliza, pero o seu disparo íase demasiado desviado. Esta ocasión foi un espellismo e durante o segundo cuarto do primeiro período, o Pescados Rubén Burela continuou co seu dominio sobre a meta castrexa.

Noelia Montoro, Emilly e Patricia probaron de novo á gardameta visitante, que respondeu tamén moi ben ante Débora Lavrador sacando un balón coa cara. De novo tería que aparecer no 19 para repeler un disparo de Antía e a ourensá atopábase posteriormente co pau da portería do Castro. Ao descanso chegábase cunha pírrica vitoria dun conxunto local que fixera méritos para irse con algún tanto máis, pero que volvía acusar a súa falta de acerto nos metros finais.

A segunda metade comezou eléctrica, cunha gran ocasión de gol por cada bando. Estela tivo o empate nunha combinación con Anita Ontiveros, pero atopouse cun paradón de Ana Eliza. Na acción seguinte respondía o cadro local. Facíao por mediación de Antía Pérez cun disparo desde uns 10 metros que primeiro tocaba Area e posteriormente repelía o traveseiro a córner.

O Burela incrementou o seu dominio conforme avanzou o segundo tempo e no ecuador volvía dispoñer dunha gran oportunidade, pero un remate forzado de Patricia íase chorando ao pau e posteriormente chegaba Area para evitar que a yeclana aproveitase o rexeite.

A insistencia laranxa tivo o seu premio no minuto 33, cando Antía volvía resolver con calidade un man a man ante Area para poñer o 2-0. Non tardaría en chegar o terceiro, xa que instantes despois era Emilly a que aproveitaba un rexeite de Area tras un lanzamento de Cami para poñer o balón na escuadra.

Co 3-0 no electrónico, o técnico visitante, Chipi, apostaba por Jeni como porteira-xogadora, que probaba a Ana Eliza cun disparo desde a distancia a tres minutos e medio da conclusión. O conxunto local defendeu moi ben o xogo de cinco e mesmo foi capaz de anotar o cuarto tanto nun contragolpe lanzado por Emilly que cedeu para que Noelia Montoro marcase a porta baleira e aí morría definitivamente o primeiro derbi lucense da tempada.

Ficha Técnica Pescados Rubén Burela FS 4 – 0 Castro Bloques Cando

Pescados Rubén Burela FS (4): Ana Eliza; Cami, Dinha, Antía Pérez, Dany -quinteto inicial-, Carolina Pedreira, Patricia, Noelia Montoro, Emilly e Débora.

Castro Bloques Cando (0): Area; Anita Ontiveros, Antía, Jenny, Estela -quinteto inicial-, Laura Boix, Luísa Mayara, Dani Sousa, Jeni, Vero e Julia Dupuy.

Goles: 1-0, min. 1: Antía. 2-0, min. 33: Antía. 3-0, min. 34: Emilly. 4-0, min. 39: Noelia Montoro.

Árbitros: Roberto Amor e Lidia Crespo (Colexio Galego). Amoestaron á visitante Jenny.

Incidencias: Encontro da sexta xornada da Liga Iberdrola femenina disputad de la sexta jornada de la Liga Iberdrola femenina disputada no pavillón de Vista Alegre ante uns 800 espectadores.

Exit mobile version