Julio Abalde sinala que os Orzamentos para 2025 son “continuístas” e fracasan ao propoñer solucións erradas para o sector da pesca
Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2024. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Julio Abalde, esixiulle á Consellería do Mar que aproveite os Orzamentos do ano 2025 para poñer “axudas enriba da mesa” para garantir a supervivencia do sector marisqueiro. Así o dixo na comparecencia do conselleiro na Comisión de Orzamentos do Parlamento para presentar as contas para o próximo ano.
O responsable socialista alertou de que o sector “require respostas para o ano 2025” e por iso esixiulle que “poñan buzo de traballo e tomen medidas inmediatas” para axudar a un sector do que dependen 7.000 persoas en toda Galicia e que hoxe se atopa “totalmente paralizado”. Puxo en dúbida os apenas 9 millóns de euros que prevé a Consellería para afrontar os paros biolóxicos que hoxe xa están sen actividade porque os moluscos non acadan a idade comercial.
Advertiu que o sector “síntese defraudado” polas medidas que suxire a Consellería sen pararse a escoitar aos que traballan a pé de praia, e que se enfrontan a un 2025 “baleiro de ingresos”. Esixiulle que “asuman a súa responsabilidade e muden as políticas”, que sinalou que “están baseadas en palabras grandilocuentes e mantras” ineficaces cando os traballadores e traballadoras do mar precisan “accións prácticas, efectivas”.
Sinalou neste sentido que o escaso interese do goberno galego deriva en destinar tan só 1,5 millóns de euros para semente de moluscos en toda Galicia, cando a Deputación da Coruña, sen competencias na materia, destina 900.000 euros só para unha provincia. Ademais, apuntou que ao destinar tan só 10 millóns de euros para a rexeneración das rías entre os anos 2013 e 2023 “non di nada da capacidade inversora” do goberno galego.
Esixiulles que “a lo menos executen o presupostado”, logo de lembrar o problema de fondos por parte do goberno galego, que deixou sen executar boa parte dos fondos procedentes do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura procedentes da UE, que o propio conselleiro cifrou en 50 millóns de euros durante este exercicio. Abalde advertiu que estas cifras “evidencian un problema de execución e plantexamento”.
Afeoulle ao goberno galego que “fagan as cousas sen planificación”, cando o sector afronta un “importante problema de falla de relevo xeracional” precisamente porque a xente nova non se quere incorporar a un sector mentres non sexa “eficiente e produtivo”, mentres o goberno galego mira para outro lado.