Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Socialista esíxelle á Xunta que dea explicacións polo posible uso fraudulento do Centro de Formación Agraria de Ribadeo

Lara Méndez sinala que o Concello tramitou a estancia dunha asociación agraria, pero foi desviada á Real Banda de Gaitas de Ourense, convidada polo goberno local para aforrarse os gastos de hotel

Santiago de Compostela, 09 de outubro de 2024. A portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Lara Méndez, esixiulle hoxe á conselleira do Medio Rural que dea explicacións públicas polo “uso fraudulento” do Centro de Formación Agraria de Ribadeo por parte do Concello. Méndez presentou unha pregunta á conselleira no Pleno do Parlamento na que lle reclamou que asuma responsabilidades políticas por unha actuación que “roza a prevaricación”.

Méndez presentou a documentación que demostra que a pasada fin de semana do 7 e 8 de setembro o Concello solicitou e obtivo a reserva das instalacións para unha xornada de formación para a Asociación de Mozos Gandeiros. Sen embargo finalmente foran aproveitadas pola Real Banda de Gaitas de Ourense, que depende da Deputación Provincial, e que fora convidada para as festas patronais polo goberno local e aforrarse así os gastos de hotel.

A responsable socialista advertiu que “como mínimo hai unha falsificación dun documento público”, e lembroulle ao conselleiro a súa responsabilidade sobre as instalacións autonómicas, así como de garantir o seu correcto uso.

Advertiu ademais que este feito forma parte da “habitual prepotencia” coa que o alcalde da localidade goberna o concello, que lembrou que ten que pagar 30.000 euros de cartos de tódolos veciños por realizar actuacións irregulares nas pistas da Deputación, e ten aberto un expediente dende o Ministerio de Mobilidade por realizar obras nunha rotonda dependente do goberno central.

Lembrou que a finalidade destas instalacións dependentes do goberno galego, presentes tamén nos concellos de Guísamo, Becerreá, Sergude, Monforte e Lourizán, é a de ofrecer cursos de formación continua reguladas e non reguladas, dirixida a agricultores e gandeiros, e cursos dedicados ao sector agrogandeiro, e non a “servir de hotel particular do Concello”.

Exit mobile version