Julio Abalde subliña a importancia de que os proxectos industriais na costa teñan en conta o impacto que teñen sobre o sector da pesca, marisqueo e acuicultura
O responsable socialista salientou a importancia de “determinar que industrias e en que condicións se instalan nas costas e os lugares nos que poidan afectar á produtividade”, para que “os proxectos que se desenvolvan na costa teñan en conta o impacto que teñen sobre este sector e o seu custe a longo prazo”. Defendeu a importancia do sector pesqueiro galego, que supón o 1,8 por cento do PIB e do que dependen 19.414 traballadores e traballadoras.
Subliñou a importancia do sector para moitas vilas e pobos de Galicia, onde é a principal actividade económica, grazas á alta produtividade da costa e as rías galegas, cunha “elevada produción de algas e microalgas, bivalvos, crustáceos e peixes de alto valor de mercado”.
Por iso chamou a compaxinar esta actividade coa implantación de calquera proxecto que poida afectar á costa galega e a esixir sempre que calquera iniciativa estea acompañada de estudos rigorosos, solventes e acreditados para garantir a viabilidade do sector mariñeiro.
Abalde chamou a aproveitar todas as oportunidades que poidan facer de Galicia unha referencia, e destacou que “pode e debe facerse compaxinando a actividade propiamente mariña con calquera outro proxecto, aos que non só non hai que renunciar, senón que deben ser impulsados con toda a firmeza”.
O parlamentario socialista acompañou logo do debate ao secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, a saudar aos representantes do sector pesqueiro e marisqueiro que se concentraron ás portas do Parlamento para reivindicar a Lei que foi debatida hoxe como Iniciativa Lexislativa Popular.